Inicio Carballo ao día Novas Este domingo regresa a feira ao barrio da...

Este domingo regresa a feira ao barrio da Milagrosa tras o levantamento das recentes restricións sanitarias

A Concellaría de Feiras e Mercados agradece a colaboración dos vendedores ambulantes e da veciñanza para manter as medidas de seguridade

Mércores 23 de setembro do 2020

Despois do levantamento das últimas restricións sanitarias no noso concello, este domingo volverá a celebrarse a tradicional feira do barrio da Milagrosa nas mesmas condicións nas que se vén levando a cabo dende o estado de alarma: postos máis pequenos, cunha separación mínima de 1,5 metros entre eles, e ocupando tamén un treito da rúa Río Miño para garantir a separación. Neste sentido, o concelleiro de Feiras e Mercados, Juan Seoane, agradeceu a colaboración dos vendedores ambulantes e tamén da veciñanza para conseguir que a nosa feira poida celebrarse con todas as medidas de seguridade precisas.

Así mesmo, lembramos que nas rúas afectadas non poderán estacionarse vehículos nin se permitirá a circulación, agás para emerxencias, dende as 22:00 horas do sábado ata as 16:00 horas do domingo.

Na Praza do Concello mantense, tanto os domingos de feira coma os xoves, o mercado de produtos da horta cunha nova distribución que cada vez ten mellor acollida. E tanto nunha feira coma na outra é preciso que vendedores e compradores respecten as medidas de seguridade e hixiene, utilizando mascarillas, realizando unha hixiene axeitada de mans, evitando tocar os produtos e respectando as distancias.

Compartir: