Inicio Carballo ao día Novas Carballo vivirá este ano unha Semana...

POR PRIMEIRA VEZ CELEBRAREMOS O DIA SEN COCHES

Carballo vivirá este ano unha Semana Europea da Mobilidade marcada polas restricións obrigadas pola COVID-19

Presentado o programa de actividades organizado pola Concellaría de Mobilidade coa colaboración da área de Igualdade, o Club Ciclista Carballo, Íntegro e Senda Nova

Luns 14 de setembro do 2020

A presentación realizouse na contorna do Fórum Carballo

A presentación realizouse na contorna do Fórum Carballo

O Concello de Carballo súmase un ano máis á Semana Europea da Mobilidade, na que participan 2.505 cidades de 47 países. O programa, deseñado pola Concellaría de Mobilidade coa colaboración da área de Igualdade, o Club Ciclista Carballo Vázquez y Reino, Senda Nova e Íntegro, presentámolo hoxe ao aire libre, aproveitando o novo mobiliario da contorna do Fórum, nun acto no que participaron Juan Seoane, concelleiro de Mobilidade; Maica Ures, concelleira de Igualdade; Eva Cameán, de Senda Nova, e Adolfo López Baña e Tania Bartucca, de Íntegro.

Juan Seoane explicou o contido do programa, marcado polas restricións derivadas da situación sanitaria e polas medidas preventivas pola COVID-19. Por iso en todas as actividades faranse grupos reducidos, respectaranse o uso de máscara, a distancia de seguridade ou, no seu caso, a desinfección dos obxectos que se utilicen. Por primeira vez, ademais, Carballo participará no Día sen Coches, unha iniciativa que desenvolveremos simultaneamente en distintos barrios urbanos, nos que se cortarán rúas para que as ocupen os peóns con xogos e actividades e para visibilizar unha transformación urbana que pouco a pouco vai chegando a toda a vila.

O Día sen Coches coincidirá coa celebración da actividade “Pedaleando pola igualdade”, que a Concellaría de Igualdade tivo que suspender en marzo e que retoma agora partindo da base de que “a bicicleta foi un símbolo de liberación da muller”, como destacou a concelleira Maica Ures. Con esta actividade, na que tamén colabora o Club Ciclista Carballo, trátase de “darlles recursos ás mulleres para poder andar en bicicleta e que se sintan libres”, engadiu.

Juan Seoane, Eva Cameán, Adolfo López, Tania Bartucca e Maica Ures

Juan Seoane, Eva Cameán, Adolfo López, Tania Bartucca e Maica Ures

“Nun momento no que se tende máis a non facer que a facer, dá gusto que se fagan este tipo de actividades”, apuntou Eva Cameán. A Asociación Ambiental Senda Nova guiará por segundo ano unha ruta pola beira do Anllóns dende a Ponte de Bértoa ata o Muíño da Cheda “para poñer en valor tamén as marxes dos ríos, que son dos poucos lugares que quedan con vexetación autóctona”. As prazas son limitadas e precísase inscrición previa a través do correo electrónico sendanova@hotmail.com.

Ademais de Senda Nova, tamén Íntegro repite colaboración, pero este ano “cunha actividade que nunca se fixera”, como sinalou o presidente da asociación, Adolfo López Baña. Será o luns 21, que converteremos no Día da Accesibilidade ocupando con cadeiras de rodas varias prazas de aparcamento “para que a xente que ocupa as prazas para persoas con mobilidade reducida vexa o mal que se sentiría se lle pasase a eles. Non hai prazas para persoas con mobilidade reducida porque queiramos, senón porque as precisamos”. E despois desa actividade matinal, pola tarde sairemos de ruta con cadeiras de rodas para “chequear” a accesibilidade da contorna do Fórum.

O programa da Semana Europea da Mobilidade celebrarase dende o 16 ata o 22 de setembro. Tes todos os detalles aquí abaixo.

Compartir: