Inicio Carballo ao día Novas O Concello de Carballo modifica o orzamento para...

PLENO ORDINARIO

O Concello de Carballo modifica o orzamento para facer fronte a novas necesidades provocadas pola COVID-19

O gasto social disparouse como consecuencia da crise sanitaria

Venres 26 de xuño do 2020

Evencio Ferrero e Milagros Lantes presentaron os asuntos do pleno

Evencio Ferrero e Milagros Lantes presentaron os asuntos do pleno

O goberno municipal de Carballo presentará no pleno do vindeiro luns un plan de actuación en dúas grandes áreas para facer fronte ás novas necesidades provocadas pola COVID-19. Por unha banda someterase a debate un expediente de modificación do orzamento anual por un importe de 1,4 millóns de euros que irán destinados tanto a fomentar o consumo como a dinamizar sectores estratéxicos para a economía local, como a construción, o comercio ou o turismo. Por outra parte aprobarase a participación no POS+ Adicional da Deputación para o financiamento de gastos sociais extraordinarios derivados da crise sanitaria, que no noso concello están cuantificados en 138.000 euros.

“A situación actual obríganos a facer unha re-lectura do orzamento”, explicou o alcalde, Evencio Ferrero, que presentou hoxe as propostas do goberno acompañado pola concelleira de Planificación e Contratación, Milagros Lantes. Esa re-lectura implica unha modificación que acada 1,4 millóns de euros, dos que máis da metade destinaranse ao programa da Concellaría de Promoción Económica para inxectar economía nos sectores obrigados a cesar a súa actividade durante o estado de alarma.  Pero tamén se atenderán outras necesidades e impulsaranse distintos sectores estratéxicos para Carballo a través dunha serie de “investimentos en infraestruturas e bens como o Mercado Municipal ou o Centro de Promoción Económica do polígono”, apuntou o alcalde.

A maiores, a corporación municipal aprobará o luns a participación do Concello de Carballo no POS+ Adicional da Deputación da Coruña para o financiamento de gastos sociais extraordinarios derivados da COVID-19, como o reforzo dos servizos de atención e coidado ás persoas maiores ou dependentes, a adquisición de medios de prevención, a ampliación das partidas destinadas a cubrir necesidades básicas da familia, os servizos de respiro e conciliación ou outros gastos urxentes para atender a persoas especialmente vulnerables. O gasto social derivado da crise sanitaria está cuantificado en 138.000 euros. Entre outras medidas, dende a área de Benestar mantívose contacto con case 700 persoas vulnerables, asumíronse os custes de manutención de 15 persoas, aumentouse o importe unitario dos vales de alimentos nun 10%, atendeuse un incremento do 80% de familias que precisaron axuda para cubrir necesidades básicas, púxose en marcha o comedor social da Escola Municipal de Hostalaría, que distribuíu 3.984 pratos (1.992 menús) en dous meses, e activáronse as tarxetas de comedor para 495 nenos e nenas de 295 familias, que, precisamente, veñen de recibir o último ingreso estes días.

Outros asuntos

No pleno do luns tamén se aprobarán tres bonificacións do ICIO a outras tantas empresas, que realizarán, en total, un investimento superior a 1,5 millóns de euros e crearán novos postos de traballo.

Así mesmo, presentarase un recoñecemento de obrigas pendentes de exercicios anteriores por importe de 36.356,19 euros, e unha rectificación no Inventario Municipal de Bens, no que, por un erro na transcrición, consta como valor total 384 millóns, cando na realidade a suma é de 284.

Finalmente, e tal como informou a concelleira de Planificación, na sesión ordinaria tamén se someterá a aprobación definitiva o plan parcial da zona da Revolta que albergará un gran parque comercial.

Descargas

Compartir: