Inicio Carballo ao día Novas O Concello distribuirá a todas as persoas...

O Concello distribuirá a todas as persoas maiores de idade bonos por valor de 50€ para consumir en Carballo

Autónomos/as e pemes de diferentes sectores poderán sumarse á campaña, que contribuirá á reactivación económica ante a crise provocada pola COVID-19

Martes 2 de xuño do 2020

Se tes 18 anos cumpridos e estás empadroado/a en Carballo podes acceder aos bonos que emitirá o Concello, por valor de 50 euros, para consumir en negocios de diferentes sectores radicados no noso concello. Si, liches ben: cada carballés ou carballesa maior de idade terá garantido un bono que deberá gastar nos establecementos adheridos á campaña.

Esta iniciativa da Concellaría de Promoción Económica pretende contribuír dunha maneira inmediata, eficaz e universal a paliar as consecuencias da crise económica derivada da COVID-19. Inmediata, porque a emisión de bonos realizarase nas vindeiras semanas. Eficaz, porque outorgará liquidez ás empresas para poder manter a actividade e o emprego, ademais de amortecer a redución drástica de ingresos. E universal, porque beneficiará a toda a cidadanía e aos diferentes sectores produtivos.

Como se poderá participar? É moi doado. As persoas físicas ou xurídicas co seu domicilio fiscal en Carballo e que visen afectada a súa actividade durante o estado de alarma poderán adherirse presentando a solicitude correspondente no prazo que se indique no seu momento. Pola súa banda, todos os carballeses e carballesas maiores de idade poderán acceder a bonos de 50€ pagando só 20€, xa que o Concello de Carballo subvencionará os 30 restantes. As persoas desempregadas e estudantes terán dereito a un bono gratuíto.

Dende a Concellaría de Promoción Económica apostamos por unha nova iniciativa de reactivación económica que implica a toda a cidadanía, protexe o interese xeral e impulsa a actividade de autónomos/as e pemes, incentivando o consumo nos sectores máis castigados pola crise derivada da COVID-19 e incrementando a capacidade de gasto da sociedade carballesa neses sectores.

Compartir: