Inicio Carballo ao día Novas As obras de reurbanización da rúa...

As obras de reurbanización da rúa Luis Calvo obrigarán a reordenar o tráfico rodado a partir de mañá

Na rúa Barcelona, que forma parte do mesmo proxecto, agárdase unha melloría do tempo para poder proceder á pavimentación do carril de circulación

Luns 11 de novembro do 2019

O martes 12 de novembro comezan as obras no treito da rúa Luís Calvo comprendido entre a rotonda e a rúa Barcelona. Para causar a menores molestias posibles, os traballos realizaranse primeiro nun carril e despois no outro. Mañá quedará cortado o da dereita en dirección á rotonda. Por este motivo, tal como podedes ver na imaxe, os vehículos que circulen en dirección contraria serán desviados polas rúas Xestas, Fiúnchos e Nébedas, dende a cal volverán a incorporarse á Luís Calvo. O tráfico que se dirixa cara o centro seguirá utilizando a Luís Calvo polo carril habilitado a tal efecto.

Debido á alta densidade de circulación que soporta, na rúa Luís Calvo manteranse distintos niveis entre a calzada e as beirarrúas, que serán ampliadas en función do espazo dispoñible. A vía contará con dous carrís de circulación, e haberá aparcamentos en liña en dous treitos. Como en todas as actuacións que estamos a acometer na rede viaria urbana, o proxecto tamén inclúe a renovación dos servizos urbanísticos.

A actuación na Luís Calvo forma parte do proxecto da rúa Barcelona, na que tamén continúan os traballos. Nestes momentos están listas todas as canalizacións e as zonas peonís, practicamente rematadas, a falta das esquinas coa rúa Tarragona. A principal actuación pendente é a pavimentación do carril de circulación, que está á espera da mellora meteorolóxica. O axardinamento e a instalación de mobiliario urbano completarán a reforma.

O investimento acada os 363.399 euros.

Compartir: