Inicio Carballo ao día Novas Comeza a elaboración dun plan director...

Comeza a elaboración dun plan director para a mellora do espazo urbano e da mobilidade na zona dos Baños Vellos

O equipo redactor realizará do 18 ao 24 deste mes as medicións de campo e un censo de locais en todo o ámbito

Venres 8 de novembro do 2019

Dende o goberno municipal de Carballo impulsamos a elaboración dun Plan director para a mellora do espazo público urbano e da mobilidade na zona dos Baños Vellos coa intención de dar resposta, dende o punto de vista do urbanismo e da accesibilidade, ás especiais características do amplo ámbito urbano comprendido entre as rúas Enrique Sánchez, Ánxel Fole, Ponte, Camiño Novo, Vázquez de Parga e Perú.

Deste xeito, o plan permitirá establecer as actuacións concretas nos seguintes aspectos:

  • Accesibilidade e mellora do espazo público:medidas de accesibilidade universal, sección viaria partindo do emprego da plataforma única, materiais de acabado, mobiliario urbano, tipo de arboredo e vexetación a implantar, diagnose do estado dos servizos urbanos e melloras a realizar...
  • Ordenación do tráfico e estrutura da rede viaria:medidas de calmado de tráfico seprocede, sinalización, medidas de restrición e regulación do tráfico de vehículos privados e de mercadorías que procedan...
  • Xestión e regulación do estacionamento:relación cos aparcadoiros de proximidade, melloras de estacionamento regulado...
  • Mellora da calidade ambiental e aforro enerxético.
  • Outras actuacións que se consideren por parte do equipo redactor.

Os traballos realizaranse en tres fases, e a primeira, que consiste na análise e a diagnose da situación actual, xa está en marcha. De feito, entre os días 18 e 24 de novembro realizaranse, por unha banda, as medicións de campo, en concreto, dos seguintes parámetros:

  • Medicións de fluxo de vehículos nos cruces principais do ámbito, en horarios de mañá e de tarde.
  • Medición do fluxo de persoas e bicicletas, nos cruces principais, en horarios de mañá e de tarde.
  • Medición da ocupación dos estacionamentos próximos, en varios horarios de mañá e de tarde.
  • Detección de malas praxes e outros problemas de mobilidade.

Nas mesmas datas procederase tamén á elaboración dun censo de locais, mediante un completo cuestionario. Grazas por colaborar.

Compartir: