Inicio Carballo ao día Novas O Consello Parroquial de Rus apoiou a proposta do...

O Consello Parroquial de Rus apoiou a proposta do alcalde para darlle continuidade ás actuacións de posta en valor da igrexa

A veciñanza solicitou a mellora da Ruta das Férvedas e outras vías utilizadas para a práctica deportiva, ademais de reiterar a necesidade de mellorar a seguridade viaria nas estradas provinciais

Xoves 31 de outubro do 2019 Participación veciñal

A primeira petición recollida no Consello Parroquial de Rus foi o traslado do poste de madeira situado diante da igrexa de Santa María para o valado. A raíz desa demanda, o Concello de Carballo encargou un proxecto para eliminar non só ese poste, senón todos os tendidos aéreos que afean unha das igrexas máis fermosas de toda a Costa da Morte, unha xoia do barroco que merece unha contorna acorde. O traballo está feito, e agora depende da compañía eléctrica a retirada dos cables, que xa non son necesarios.

Como unha cousa pide outra, con cargo ao superávit do ano pasado veñen de ser aprobados varios proxectos en todo o concello, e un deles é o acondicionamento da pista situada diante da igrexa. No Consello Parroquial celebrado este mércores a veciñanza solicitou que se aproveitasen as obras para mellorar a seguridade nas escaleira do cemiterio vello, pero o alcalde foi máis alá e propuxo a elaboración dun proxecto para todo o campo da igrexa, dignificando así unha das xoias do noso patrimonio histórico-artístico. A proposta contou co apoio dos presentes, polo que se encargará a redacción do proxecto para acometelo tan pronto como sexa posible.

Os veciños e as veciñas de Rus, por outra banda, seguen a demandar a mellora da seguridade viaria na Canosa e na estrada provincial que une ese lugar coa igrexa. A petición foi trasladada xa á Deputación, pero será reiterada por parte do Concello de Carballo. En relación coa rede viaria tamén se falou de limpeza e arranxo de pistas, e ademais presentouse unha petición para acondicionar a Ruta das Férvedas e outros camiños moi utilizados por sendeiristas e ciclistas.

A colocación de dúas marquesiñas, a instalación de wifi e mobiliario no Centro Social e varios arranxos en Nogareda completaron as peticións.

Compartir: