Inicio Carballo ao día Novas Avanza o plan integral de mellora dos espazos...

Avanza o plan integral de mellora dos espazos axardinados coa instalación de catro torres florais no centro urbano

Os traballos realizados polo centro especial de emprego Coregal rematarán coa posta a punto das zonas verdes da Praza do Concello

Mércores 9 de outubro do 2019

Dúas das torres colocáronse na Praza do Concello

Dúas das torres colocáronse na Praza do Concello

Coa instalación de catro torres florais, dúas na Praza do Concello e outras dúas na rúa Martín Herrera, damos un paso máis no plan integral de mellora dos espazos axardinados do noso concello. O centro especial de emprego Coregal está a desenvolver un proxecto de intervención en 11 enclaves urbanos, pero este é un primeiro paso de cara ao mantemento, nas mellores condicións posibles, das zonas verdes.

Ademais das catro torres florais e das 35 xardineiras colocadas nos soportes das luminarias de distintas rúas, polas que xa empezan a descolgarse as primeiras flores de temporada, o persoal de Coregal Parques e Xardíns centra o seu traballo nas rotondas de acceso á zona urbana, mellorando deste xeito a imaxe do noso pobo, e tamén no parque do Rego da Balsa, no que xa medra a herba sementada, e nas prazas de Galicia, da Cruz Vermella e do Concello, que será a última.

Traballadores da brigada municipal de obras e de Coregal, colocando unha das torres na rúa Martín Herrera

Traballadores da brigada municipal de obras e de Coregal, colocando unha das torres na rúa Martín Herrera

O criterio básico da intervención é mellorar o estado actual de todas estas áreas e poñelas en valor mediante a instalación de rega automática, nova cuberta vexetal, macizos con especies que aporten cor nas distintas estacións e a plantación de especies autóctonas. En xeral utilízanse especies arbustivas e arbóreas que non precisan reposición para optimizar a xestión dos xardíns, pero empregando á vez especies anuais que aportan vistosidade e cor ás zonas verdes.

En total serán axardinados 8.430 metros cadrados, o que suporá un investimento de 88.572 euros, e que ademais cumprirá un labor social, xa que Coregal é un centro especial de emprego no que o 92% dos/as traballadores/as teñen discapacidade.

Compartir: