Inicio Carballo ao día Novas O FIOT rende homenaxe a Celso Parada coa...

O FIOT rende homenaxe a Celso Parada coa exposición "30 anos de Teatro do Morcego"

Mañá venres terá lugar o acto inaugural da mostra, que poderá visitarse ata o 1 de novembro

Xoves 3 de outubro do 2019 Cultura

Celso Parada

Celso Parada

Mañá venres, 4 de outubro, terá lugar a inauguración no Pazo da Cultura da exposición 30 anos de Teatro de Morcego, unha mostra coa que o Festival Internacional Outono de Teatro pretende render homenaxe a quen foi un dos fundadores desta senlleira compañía galega: o director, actor, e produtor Celso Parada, recentemente finado.

Tanto Parada coma Teatro do Morcego foron piares fundamentais do FIOT nas súas primeiras edicións e as súas propostas escénicas formaron parte da programación do festival, abraiando con todas elas ao público de Carballo. No ano 2005, Parada recibiu o galardón de Xograr de Outono en recoñecemento a súa traxectoria e labor no desenvolvemento do teatro galego. Agora, e gracias a colaboración de Isabel Ávila, cofundadora con Parada da compañía, e ao escenógrafo Carlos Alonso, os espectadores poderán recordar a a súa obra grazas á mostra.

A exposición, que se poderá visitar desde mañá e até o vindeiro 1 de novembro, percorre tres décadas do traballo de Teatro do Morcego a través de pezas históricas do vestiario, escenografía, memoria gráfica e dramaturxia dos 31 producidos pola compañía, nos que participaron máis de medio cento de actrices, actores, músicos, bailaríns e directores.

No acto de apertura ao público, que terá lugar ás 20.00 horas, participarán o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero; o presidente da Asociación Cultural Telón e Aparte, Alberto Sueiro; a cofundadora da compañía, Isabel Ávila; e o deseñador da mostra, Carlos Alonso.

AXENDA DO FIOT PARA ESTA FIN DE SEMANA

Venres 4
10.00h - IES Alfredo Brañas: Acción teatral de Galeatro no instituto
11.00h - Colexio Artal: Acción teatral de Galeatro no centro escolar
12.00h - IES Monte Neme: Acción teatral de Galeatro no instituto
20.00h - Pazo da Cultura: Inauguración da exposición 30 anos de Teatro do Morcego. Homenaxe a Celso Parada.
20.00h - Praza do Concello. OhLimpiadas, de Compañía Sincronacidas
21.00h - Pazo da Cultura. Medida x medida (estrea absoluta), de Producións Teatrais Excéntricas
00.00h - Stars Café Bar: Sexo seguro. Seguro? Seguro!, de Patty Diphusa

bado 5 
12.00h - A Barra Bar: Escola do Espectador. De que falamos cando falamos de crise. Teatro de intervención/teatro de testemuña. Teatro Político, con Camilo Franco
20.00h - Praza do Concello: Calor, de Jean Philippe Kikolas
20.30h - Pazo da Cultura: Medida x medida, de Producións Teatrais Excéntricas
23.00h - Mercado municipal: Trópico de Covadonga (estrea en Galicia), de Rodrigo Cuevas

Domingo 6
13.00h - Cervexaría La Bombonera: Casandra, concerto de MJ Pérez
20.30h - Pazo da Cultura: Control freak (estrea en Galicia), de Kulu Orr

Compartir: