Inicio Carballo ao día Novas Repartidos os 50 novos composteiros, que elevan a...

Repartidos os 50 novos composteiros, que elevan a 273 o censo de familias participantes no programa municipal

Aberta unha nova lista de agarda, cuxos integrantes terán prioridade na adxudicación de colectores na próxima campaña

Xoves 5 de setembro do 2019

Dende hoxe hai 50 novas familias do noso concello participando no programa de compostaxe doméstica promovido dende as áreas de Medio Ambiente e Obras e Servizos. Esta semana levouse a cabo o reparto dos colectores, xunto coa entrega dun manual de uso e unha formación básica para os/as usuarios/as. En total recibimos 63 solicitudes, polo que hai 13 familias en lista de agarda que terán prioridade na adxudicación de composteiros na próxima campaña que poñamos en marcha.

A experiencia da compostaxe, que leva máis de cinco anos en marcha no noso concello, está a dar uns resultados excelentes grazas á implicación da veciñanza, e hoxe Carballo pode presumir de ser un concello de referencia na xestión dos residuos orgánicos a través deste método natural. Nestes momentos temos distribuídos polo noso territorio un total de 273 composteiros, na súa maior parte en vivendas do rural, pero tamén os utilizan colectividades como a Asociación Pro Enfermos Mentais (APEM), a Asociación Ambiental Senda Nova ou a Escola Municipal de Hostalaría.

A compostaxe fai posible a eliminación da fracción húmida dos residuos sólidos, que é a máis pesada e a que supón maior custe de tratamento, dun xeito natural e outorgando a eses residuos unha segunda vida como abono. Grazas á colaboración veciñal conseguimos eliminar dos colectores verdes máis de 100 toneladas de RSU ao ano, e a cifra vai en aumento.

Compartir: