Inicio Carballo ao día Novas Avanzan as obras no Castrillón, un...

Avanzan as obras no Castrillón, un núcleo protexido no PXOM polo seu valor arquitectónico, paisaxístico e medioambiental

O proxecto de conservación e mellora viaria que estamos a acometer, seguindo o modelo de Cances Grande, O Rodo ou Vilar de Cidre, inclúe tamén a rede de auga

Luns 19 de agosto do 2019

Unha vez rematadas as obras de aglomerado da estrada da Vixía ao Igrexario de Lema e do campo da festa, que se completou coa pavimentación en cemento de varias rúas interiores, as máquinas continúan a traballar na parroquia para acometer outros dous importantes proxectos: a reforma integral do centro social de Lema, que acaba de empezar, e a mellora viaria do núcleo de Castrillón.

Este último proxecto, que executa a empresa Construcciones Vázquez y Reino, ten un orzamento de 210.056 euros e inclúe a instalación da canalización para a futura conexión á rede de abastecemento de auga a Lema, que é, precisamente, o traballo que se está a realizar, como comprobaron o alcalde, Evencio Ferrero; a concelleira Milagros Lantes e o concelleiro Juan Seoane. A actuación rematará coa pavimentación de todo o rueiro con formigón, seguindo o modelo de Cances Grande, O Rodo (Oza) e Vilar de Cidre (Razo).

O Castrillón é un asentamento tradicional xurdido en torno á capela de Santa Irene e cuxas edificacións manteñen en grande medida a referencia tipolóxica orixinaria. Ademais, serve de miradoiro natural desde o que se divisa gran parte do termo municipal e acolle elementos patrimoniais protexidos, tanto de carácter arqueolóxico, coma o castro de Santa Irene, coma arquitectónico, como a capela, o cruceiro e un hórreo. Por estes valores arquitectónicos, paisaxísticos e medioambientais, o núcleo no seu conxunto está protexido no PXOM.

A intervención prevista, en consecuencia, terá en conta todos eses elementos de interese e seguirá as pautas da Xunta de Galicia para este tipo de núcleos.

Compartir: