Inicio Carballo ao día Avisos Aberto do 15 de xullo ao 14 de agosto o prazo de...

Aberto do 15 de xullo ao 14 de agosto o prazo de inscrición para o programa Concilia durante o curso 2019-20

Luns 15 de xullo do 2019

Ata o 14 de agosto está aberto o prazo de matrícula para as familias que desexen ser usuarias do Programa Concilia durante todo o curso escolar 2019-20. Aínda que as incorporacións poden realizarse en calquera momento do ano, en función das necesidades das familias, este período de inscrición resulta imprescindible para a correcta organización do servizo e para poder utilizalo dende o comezo do curso. A partires do 17 de setembro habilitarase outro prazo para as incorporacións que se produzan a partir de outubro.

O ano pasado beneficiáronse do Concilia un total de 268 nenas e nenos, repartidos entre os colexios Fogar, Bergantiños e Gándara-Sofán. A implantación do programa está supeditada á existencia dun número mínimo de participantes.

O Programa Concilia é unha medida promovida desde a Concellería de Igualdade e Benestar para facilitar a conciliación da vida familiar e laboral, e consiste en recoller aos nenos e nenas a primeira hora da mañá no seu centro escolar para responder ás necesidades familiares derivadas do desfase existente entre os horarios escolares e os laborais. Deste xeito, os/as participantes reciben atención especializada ata a hora de comezo das clases, desenvolven actividades de ocio e tempo libre, e ademais existe un servizo de almorzo opcional. Durante os períodos vacacionais tamén se ofrece a posibilidade de continuar co servizo para os/as usuarios/as fixos/as.

O prazo de matrícula que abre hoxe vai destinado a eses/as nenos/as. Durante o mesmo período do 15 de xullo ao 14 de agosto poden reservar praza para os primeiros días do mes de setembro, ata o comezo do curso. Neste caso o servizo non se prestará no colexio senón na sede do centro de ocio Xolda (rúa Vila de Noia, 74-76), onde os pais e nais deberán deixar e recoller aos rapaces/as.

Nos documentos adxuntos figura toda a información, as follas de inscrición e as normas de uso, pero se desexan máis información poden dirixirse ao Centro de Información á Muller no edificio de Servizos Sociais ou chamando aos números de teléfono 981 700 688 / 981 704 706.

Descargas

Compartir: