Inicio Carballo ao día Novas Asinados os contratos das obras de...

Asinados os contratos das obras de conservación e mellora viaria do núcleo de Castrillón e da praza de Aldemunde

O Concello de Carballo investirá máis de 300.000 euros nestas dúas actuacións, que serán executadas pola empresa local Construcciones Ramón Vázquez y Reino

Venres 21 de xuño do 2019

Na sinatura dos contratos tamén estivo presente o concelleiro Luis Lamas

Na sinatura dos contratos tamén estivo presente o concelleiro Luis Lamas

O alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, asinou hoxe coa empresa Construcciones Vázquez y Reino os contratos correspondentes a dúas obras propostas por outros tantos consellos parroquiais: a mellora viaria do núcleo do Castrillón, na parroquia de Lema, e o acondicionamento do recinto da antiga escola de Aldemunde. En total, o Concello de Carballo investirá máis de 300.000 euros.

O proxecto do Castrillón foi adxudicado por 210.056 euros. O Castrillón é un asentamento tradicional xurdido en torno á capela de Santa Irene e cuxas edificacións manteñen en grande medida a referencia tipolóxica orixinaria. Ademais, serve de miradoiro natural desde o que se divisa gran parte do termo municipal e acolle elementos patrimoniais protexidos, tanto de carácter arqueolóxico, coma o castro de Santa Irene, coma arquitectónico, como a capela, o cruceiro e un hórreo. Por estes valores arquitectónicos, paisaxísticos e medioambientais, o núcleo no seu conxunto está protexido no PXOM.

A intervención prevista, en consecuencia, terá en conta todos eses elementos de interese e seguirá as pautas da Xunta de Galicia para este tipo de núcleos. As obras consistirán na pavimentación do rueiro con formigón, seguindo co modelo utilizado en Cances Grande ou O Rodo, e ademais aproveitaranse para deixar colocada tamén a rede de abastecemento de auga.

Antiga escola de Aldemunde

Antiga escola de Aldemunde

En Aldemunde investiremos 98.736 euros nunha actuación que permitirá gañar un novo espazo público para a veciñanza, ademais de mellorar o aspecto da antiga escola, agora en desuso. Con esa intención demoleranse os muros exteriores, o palco da música, a beirarrúa perimetral e as escaleiras de acceso ao edificio. Tamén será preciso limpar e acondicionar o terreo, sobre todo para diminuír a pendente actual.

A partir de aí realizarase unha obra que permitirá gañar unha praza de uso cotiá e tamén para as festas. Con esa finalidade pavimentarase con formigón parte do espazo e construirase un novo muro de peche con varandas de madeira, ademais de soterrar o tendido eléctrico e de plantar catro novas árbores: 2 carballos e 2 castiñeiros, que garantirán a sombra. A actuación tamén afectará á antiga escola, na que se eliminarán as barreiras arquitectónicas construíndo unha rampla de acceso con varanda de protección de aceiro inoxidable e ademais o edificio pintarase por fóra.

Compartir: