Inicio Carballo ao día Novas A Sociedade Galega de Ornitoloxía...

A Sociedade Galega de Ornitoloxía conmemora en Carballo o 40º aniversario da Directiva de Aves da Unión Eupopea

Unha xornada aberta ao público reunirá o sábado pola mañá a expertos de toda Galicia

Xoves 23 de maio do 2019

Despois da xuntanza celebrada a principios de mes polo Grupo de traballo sobre a píllara das dunas, Carballo acolle un novo evento enmarcado na conmemoración do 40º aniversario da Directiva de Aves da Unión Europea. Este sábado 25, a Sociedade Galega de Ornitoloxía celebra no Fórum Carballo unha xornada titulada “Pasado, presente e futuro das Zonas de Especial Protección para as Aves (ZEPA) en Galicia”.

A elección do noso concello non é casual, senón que, como indican dende a Sociedade Galega de Ornitoloxía (SGO), “a área de Baldaio é unha das escasas zonas distinguidas no territorio galego como ZEPA. Por iso consideramos Carballo como o lugar idóneo para a celebración da xornada”. A asistencia é libre e de balde, polo que todas as persoas interesadas na ornitoloxía terán espazo no auditorio do Fórum.

PROGRAMA

BLOQUE 1. A DIRECTIVA AVES E AS ZONAS DE ESPECIAL PROTECCIÓN PARAS AS AVES

  • 09:30- Presentación das Xornadas. Representantes da Xunta de Galicia, Concello de Carballo, Sociedade Galega de Ornitoloxía.
  • 10:00- Historia e Evolución da Directiva de Aves na Unión Europea, España e Galicia. Sergio París (SGO).
  • 10:20- ZEPAs: panorámica xurídica e historia de éxitos. Octavio Infante (SEO/Birdlife).
  • 11:00- Descanso
BLOQUE 2. AS ZEPAS DE GALICIA: ESTADO DE CONSERVACIÓN, PROBLEMÁTICAS E EXEMPLOS PARA O DEBATE.
  • 11:30- ZEPAs de interior. Óscar Rivas e Alberto Gil (SGO).
  • 12:00- ZEPAs litorais. Xurxo Mouriño (SGO) e Gustavo Ferreiro (SGO/SEO-Birdlife).
  • 12:30- ZEPAs mariñas. Álvaro Barros e Antonio Sandoval (SGO). 
  • 13:00- Mesa redonda: o futuro das ZEPAs en Galicia - os próximos 40 anos.
  • 14:00- Peche da xornada.

ASEMBLEA XERAL DA SGO

Ademais do 40º aniversario da Directiva de Aves, a Sociedade Galega de Ornitoloxía tamén celebra o seu 20º aniversario, polo que a xornada deste sábado terá un significado dobremente especial. De feito, os socios da SGO celebrarán unha comida de confraternización no noso concello e pola tarde celebrarán a súa asemblea xeral no Fórum Carballo.



Galería

Compartir: