Inicio Carballo ao día Novas Unha reprodución en granito de “A piedade”...

Unha reprodución en granito de “A piedade” de Miguel Ángel substitúe ao antigo cruceiro do cemiterio municipal

O escultor bergantiñán Anxo Cousillas é o autor dunha obra na que estivo a traballar durante máis de medio ano

Sábado 18 de maio do 2019

Anxo Cousillas (dereita) xunto cos operarios que axudaron a colocar a escultura

Anxo Cousillas (dereita) xunto cos operarios que axudaron a colocar a escultura

“Foi un reto e agora é unha satisfacción vela feita”, sinala Anxo Cousillas, escultor cabanés afincado en Laxe, con respecto á súa última gran creación. Nin máis nin menos que unha reprodución da Piedade de Miguel Ángel en granito do país e que quedou colocada esta semana no lugar que agardamos que ocupe para sempre, no corredor central do cemiterio municipal de Carballo. A magnífica peza substitúe ao antigo cruceiro, destruído por un temporal fai dous anos.

Anxo Cousillas tivo claro dende o principio que “A piedade” era a peza perfecta para o lugar. “O primeiro que me veu á mente cando vin o lugar foi esa figura”, asegura. E a súa proposta foi acollida co mesmo entusiasmo dende o principio tanto polo goberno municipal coma pola parroquia.

O conxunto supera os 6.000 quilos de peso

O conxunto supera os 6.000 quilos de peso

Pero a escultura é incluso moito máis impresionante que o esbozo inicial. Para realizala utilizou un bloque de granito de 5.000 quilos de peso, que despois do traballo realizado por Anxo Cousillas dende o verán do ano pasado quedou reducido máis ou menos á metade. O conxunto completo supera, segundo os cálculos do autor, os 6.000 quilos. Foi trasladalo ata o cemiterio nun transporte especial e utilizouse unha grúa de grandes dimensións. “Tiña algo de medo por se podía danarse o pavimento, xa que tiveron que entrar camións moi pesados, pero saíu todo perfecto, sen ningún problema”, di satisfeito o escultor.

Agora agarda que os carballeses e as carballesas desfruten admirando unha peza cuxo orixinal forma parte da historia da escultura e da arte. “É unha figura que me chamou a atención dende rapaciño e que a medida que me metín no mundo da escultura sorprendíame cada vez máis, porque ten unha gran harmonía malia que é moi desproporcionada, e iso a min dende o punto de vista da escultura sempre me chamou moito a atención”, engade Anxo Cousillas, que se amosa tamén agradecido por ter podido acometer o encargo do Concello de Carballo. “Aprendín un montón facendo esa obra. Teño feito pezas moito máis voluminosas, pero unha figura tan complicada coma esa non”, rematou.

Compartir: