Inicio Carballo ao día Novas Asinado o convenio de colaboración coa...

Asinado o convenio de colaboración coa Deputación para a mellora da seguridade viaria nos pasos de peóns de 18 rúas

Na Xunta de Goberno Local de hoxe deuse conta do acordo entre as administracións local e provincial

Luns 22 de abril do 2019

O deputado provincial de Patrimonio e Contratación, Xesús Soto, e o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, asinaron xa o acordo de colaboración para o financiamento dun proxecto de obras para a zona urbana que afectará á renovación dos pasos de peóns co fin de mellorar a seguridade viaria. A Deputación da Coruña achega 160.000 euros, que supoñen o 80% do orzamento total, e o Concello financia o resto. Na Xunta de Goberno Local celebrada hoxe deuse conta do convenio entre ámbalas administracións.

O obra comprenderá actuacións en pasos de peóns situados nas rúas Compostela, Avenida da Milagrosa, Avenida de Fisterra, Vázquez de Parga, Luís Calvo, Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, Fomento, Gran Vía, Sol, Berdillo, Poniente, Fábrica, Avenida de Malpica, Avenida de Razo, Rúa Perú, Avenida Ponte da Pedra, Rúa Vicente Risco e Rúa Rio Anllóns.

Os traballos para a mellora da seguridade viaria consistirán en mellora da iluminación dos pasos de peóns, da sinalización horizontal e vertical e redución da velocidade. As actuacións realizaranse nas rúas de maior intensidade de tráfico rodado, moitas delas de carácter supramunicipal. Entre as obras que se levarán a cabo, o proxecto indica a substitución de luminarias por outras de maior potencia e instalación de novos puntos de luz,pintado dos pasos de peóns con pintura termoplástica en colores branco e vermello para facelos máis visibles, en especial en días escuros e con chuvia, instalación de paneis luminosos e automáticos e tamén de medidas de calmado de tráfico que reduzan a velocidade dos vehículos como pasos de peóns elevados e elementos de goma.

Outros asuntos

Entre outros asuntos, na Xunta de Goberno Local de hoxe tamén se aprobaron facturas por importe de 41.833,14 euros; licenzas urbanísticas, entre elas unha para a construción dunha nova nave no polígono de Bértoa e outra, fóra da orde do día, de primeira ocupación da obra de ampliación do cemiterio parroquial de Oza.

Compartir: