Inicio Carballo ao día Novas Novo paso na consecución de parques...

Novo paso na consecución de parques infantís inclusivos coa instalación dun “columpio” adaptado no Rego da Balsa

As obras da cuberta do Parque do Anllóns están practicamente listas e a renovada zona de xogos reabrirase, previsiblemente, a semana que vén

Mércores 17 de abril do 2019

Columpio adaptado no Parque Rego da Balsa

Columpio adaptado no Parque Rego da Balsa

O Concello de Carballo ten en marcha unha serie de actuacións encamiñadas a adaptar os espazos infantís ás necesidades dos nenos e nenas e a fomentar o xogo como peza fundamental no desenvolvemento das crianzas. Dentro desa filosofía enmárcanse, por exemplo, a construción da cuberta do Parque do Anllóns, que permitirá optimizar o uso dese espazo de xogos, ou a instalación, hoxe mesmo, dunha randeeira adaptada no Parque Rego da Balsa.

Coa colocación deste novo xogo damos un paso máis na consecución de parques infantís inclusivos, onde todos os nenos e nenas poden desfrutar por igual á marxe das súas condicións de mobilidade. Os primeiros elementos adaptados instaláronse no ano 2016 no Parque Eduardo Pondal, e a intención do goberno municipal de Carballo é seguir implantándoos na medida das posibilidades.

A instalación de xogos adaptados dá resposta a unha necesidade e unha demanda social, como tamén o era dispoñer dun espazo cuberto que facilite o ocio infantil tamén no inverno. Ese espazo está creado xa no Parque do Anllóns, que, previsiblemente, a vindeira semana poderá reabrirse para que os nenos e as nenas desfruten dun parque renovado e a cuberto.

No noso concello existen na actualidade máis de corenta parques infantís, todos eles certificados e sometidos a revisións periódicas para mantelos nas mellores condicións. Nesa liña, entre as próximas actuacións previstas figuran a instalación dun tobogán sobre pavimento de caucho no parque infantil do Piñeiro de Entrecruces e a creación dunha nova zona de xogos xunto ao campo da festa de Artes.

Compartir: