Inicio Carballo ao día Novas Carballo e L Isle Jourdain conmemoran 25 anos de...

Carballo e L Isle Jourdain conmemoran 25 anos de irmandamento con actos culturais nas dúas localidades

A semana que vén recibiremos a un grupo de veciños e veciñas da vila francesa e celebrarase un acto institucional coa participación dos alcaldes de 1994 e 2019

Martes 16 de abril do 2019

Inauguración da exposición en L Isle Jourdain

Inauguración da exposición en L Isle Jourdain

Carballo e L’Isle Jourdain celebran que fai 25 anos decidiron unir os seus destinos a través dun irmandamento que non só se foi consolidando co paso do tempo, senón que foi calando entre a veciñanza dun e doutro concello para crear verdadeiras relacións de amizade, das que duran toda a vida.

Coa intención de que ese irmandamento institucional, pero tamén social, se perpetúe e ao mesmo tempo acade maior visibilidade, coincidindo co 25º aniversario do irmandamento están a celebrarse actos culturais nas dúas localidades.

En L’Isle Jourdain vén de abrir ao público unha exposición sobre o proxecto “Derrubando Muros con Pintura”. O acto inaugural celebrouse o sábado no salón de sesións da Casa do Concello coa participación de numerosas autoridades municipais e rexionais e a presidenta do comité de irmandamento francés, Marie Delpeyroux, que louvou a iniciativa carballesa.

A mostra, organizada polo Concello de Carballo, inclúe 30 fotografías, un catálogo explicativo, cartelería, rueiros e un exemplar do libro Derrubando muros con pintura. Todo ese material poderá verse nos vindeiros meses tamén nos centros educativos de L’Isle e a partir de xuño no famoso Museo das Campás.

En Carballo os actos concentraranse na semana que vén, coincidindo coa visita dun grupo de veciños e veciñas de L’Isle Jourdain ao noso concello entre os días 22 e 26. O Comité de Irmandamento tenlles organizado un completo programa que inclúe un obradoiro de pandeireta e canto tradicional galego, un percorrido guiado pola costa carballesa e un Festival cultural galego-occitano-francés que se celebrará o día 24, ás 19.00 horas, no Pazo da Cultura.

O espectáculo fusionará as culturas das vilas irmás grazas á participación do Conservatorio Profesional de Música de Carballo; os grupos de baile, gaitas e Frumeira de Arume de Berdillo; a Coral Aires de Bergantiños, a coral francesa guiada por Denise Avezac, a relatora Sylvie Bénito, o acordeonista francés Francis Deluc e a cantante de ópera Bénedicte.

O día 25 tamén será moi especial. Pola mañá está previsto pintar un mural ao aire libre coa participación dos artistas carballeses Cristina Castro e Santi Picos, pero tamén das autoridades e veciños, tanto de L’Isle coma de Carballo, que queiran sumarse.

Pola tarde, a partir das 19.00 horas, celebrarase na Casa do Concello o acto institucional conmemorativo do 25º aniversario do irmandamento, no que participarán alcaldes e autoridades municipais de ámbalas dúas vilas tanto do ano 1994 coma da actualidade.



Galería

Compartir: