Inicio Carballo ao día Novas A Deputación adxudica por 629.000 euros a...

A Deputación adxudica por 629.000 euros a segunda fase das obras de reurbanización da Avenida das Flores

A estrada dotarase dunha plataforma única e renovaranse as beirarrúas, co obxectivo de eliminar as barreiras arquitectónicas e favorecer a accesibilidade

Mércores 10 de abril do 2019

A Deputación da Coruña vén de adxudicar por 629.059,94 euros as obras da segunda fase do proxecto de reurbanización da estrada DP 1901, de Carballo a Sísamo. As obras continuarán a urbanización e acondicionamento, que xa se acometeu nos primeiros 300 metros da vía, coñecida coma Avenida das Flores. O tramo no que se actuará comeza na intersección coa rúa Papoulas e remata no cruce coa rúa Nacente, nas inmediacións do Instituto Monte Neme, discorrendo enteiramente polo centro urbano.

O proxecto elaborado polo departamento de Vías e Obras da Deputación contempla a dotación de plataforma única a todo o ancho da vía, eliminando as barreiras arquitectónicas e facilitando a accesibilidade universal. A estrada dividirase en dous carrís de circulación, de arredor de 3 metros de ancho, con aparcamentos a ambos lados de 2 metros. Tamén se renovarán as beirarrúas, que estarán recubertas de baldosas granalladas e terán un ancho medio de 1,4 metros, conforme aos criterios seguidos polo Concello de Carballo en actuacións similares, co obxectivo de asegurar a continuidade das vías anexas e unha mobilidade urbana sostible e segura.

Complementariamente, executarase unha rede de saneamento, que disporá dun sistema separativo de recollida de augas pluviais e fecais, e se renovará a rede xeral de abastecemento de auga, que na actualidade presenta avarías debido á fluctuación das presións. Así mesmo, aproveitaranse as obras para construír novas canalizacións a ambas marxes da estrada para o cableado de telefonía, telecomunicacións e electricidade.

As obras teñen un prazo de execución de 12 meses.

Compartir: