Inicio Carballo ao día Novas Primavera en Danza volve a Carballo como...

DO 26 DE ABRIL AO 12 DE MAIO

Primavera en Danza volve a Carballo como referente dos ciclos estables de danza contemporánea de Galicia

Cinco compañías galegas e unha madrileña ofreceran un programa que combina propostas arriscadas con outras máis accesibles a todo tipo de público

Mércores 10 de abril do 2019

O alcalde, Evencio Ferrero, conversa co o director da Agadic, Jacobo Sutil, durante a presentación do ciclo

O alcalde, Evencio Ferrero, conversa co o director da Agadic, Jacobo Sutil, durante a presentación do ciclo

A mostra Primavera en Danza de Carballo celebrará a súa décimo sétima edición do 26 de abril ao 12 de maio cunha carteleira organizada pola Concellaría de Cultura que inclúe cinco citas coreográficas pertencentes ao programa da Rede Galega de Teatros e Auditorios, o circuíto de espectáculos que a Consellería de Cultura e Turismo promove a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic): Entresoños, de Fran Sieira (26 de abril); Pink Unicorns, de La Macana en coprodución co Centro Coreográfico Galego (27 de abril); Plastic, de Paula Quintas (3 de maio); La desnudez, de Daniel Abreu (4 de maio), e Gaia, de Entremans (5 de maio). Como peche especial, o 12 de maio terá lugar unha gala de baile tradicional a cargo da agrupación coruñesa Xacarandaina, que está a celebrar os seus corenta anos de traxectoria.

O Pazo da Cultura volverá ser o escenario dos espectáculos -cinco de compañías galegas e un da madrileña de Daniel Abreu-, nun programa que combina propostas arriscadas con outras máis accesibles a todo tipo de público. As entradas individuais custarán entre 2 e 4 euros, e os bonos, 16 euros o ordinario e 14 o reducido (para maiores de 60 anos, menores de 12 e titulares de carné de estudante). Poden adquirirse anticipadamente desde hoxe en www.ticketea.com e no teléfono 902 044 226, ou de xeito presencial na billeteira do Pazo desde unha hora antes do comezo de cada función.

A rolda de prensa rematou cunha intepretación de Kirenia Martínez e Estefanía Gómez, da compañía Entremáns

A rolda de prensa rematou cunha intepretación de Kirenia Martínez e Estefanía Gómez, da compañía Entremáns

A XVII Primavera en Danza inclúe outras actividades complementarias de achegamento á danza contemporánea, que comezaron o pasado 6 de abril coa masterclass “A contemporaneidade no baile tradicional”, que Fran Siera impartiu no local social de Berdillo. Ademais, o festival sairá do Pazo da Cultura e presentaranse dous espectáculos de sala en espazos públicos de Carballo: o martes 23 de abril La Macana visitará os institutos do concello e o 3 de maio será a compañía de Paula Quintas quen avanzará Plastic no xardín municipal (13 horas). E, como en anteriores edicións, ao remate de cada función terá lugar un encontro dos espectadores cos coreógrafos e directores. Para rematar, o 11 de maio o cantautor Miro Casavella ofrecerá no Pazo (20 horas, entrada libre) un concerto na honra de Alfredo Brañas. Durante a mostra, os espectadores terán a oportunidade de visitar, tamén no Pazo, as exposicións do XXI Certame Fotográfico Xosé Manuel Eirís (3º andar) e do XII Certame de Artesanía Antonio Fraguas (andar –1).

Presentación

O concelleiro de Cultura, Marcos Trigo, debullou polo miúdo o programa

O concelleiro de Cultura, Marcos Trigo, debullou polo miúdo o programa

A XVIII Primavera en danza presentouse está mañá no Pazo da cultura nunha rolda de prensa na que participaron o alcalde, Evencio Ferrero; o concelleiro de Cultura, Marcos Trigo; o director da Agadic, Jacobo Sutil, Fran Siera; Paula Quintas, e Kirenia Martínez e Estefanía Gómez, da compañía Entremáns. Logo de debullar polo miúdo o programa, Trigo salientou a traxectoria “dun programa que avala una cita cultural única en Galicia pola súa estabilidade e porque ofrece unha ampla perspectiva de calidade de danza contemporánea e de propostas moi significativas a nivel nacional”. “Neste momento”, engadiu, “Primavera en danza” é un dos escasísimos ciclos estables de danza contemporánea e dos más duradeiros en Galicia, altamente recomendable a todos os interesados en estar ao día nas propostas artísticas relacionadas co mundo audiovisual, a imaxe, a música e o movemento”.

Na súa intervención, o responsable da Agadic situou esta iniciativa do Pazo da Cultura entre os programas pioneiros en Galicia á hora de fidelizar un público para a danza, ademais de destacar o seu valor de promoción para os artistas e compañías que se dedican a esta disciplina na nosa Comunidade. Neste sentido, subliñou a calidade dos catro espectáculos de produción galega contratados para a mostra a través do catálogo da Rede Galega de Teatros e Auditorios: Entresoños, Pink Unicorns, Plastic e Gaia.

“A programación cultural deste concello”, afirmou o alcalde, “intenta ser unha programación que reflicta a realidade artística pero tendo en conta tamén as vangardas. Queremos que se vexa con toda naturalidade que en un concello como Carballo pode haber toda a diversidade artística, e por suposto a danza”. “Aquí”, engadiu, “hai eventos que teñen un recoñecidísimo prestixio en todo o país a nivel de teatro, a nivel de música, a nivel de todas as formas de comunicación de contidos dixitais, e a danza forma tamén parte das artes que se merecen gozar e contemplar”.



Galería

Compartir: