Inicio Carballo ao día Novas A muller é protagonista a través de...

A muller é protagonista a través de dúas novas actividades promovidas pola Concellaría de Igualdade

Pola mañá proxectarase o documental “Noetiña” para alumnado dos IES e pola tarde Carme Adán conducirá un obradoiro sobre violencia de xénero

Luns 8 de abril do 2019

A Concellaría de Igualdade volve a converter á muller en protagonista con dúas actividades dirixidas a colectivos moi diferentes pero que teñen a mesma finalidade: seguir camiñando cara a igualdade entre mulleres e homes.

Pola mañá, de 11.30 a 13.30, preto de 200 alumnos e alumnas de 4º da ESO e 1º de Bacharelato dos institutos Monte Neme e Alfredo Brañas asistirán no Pazo da Cultura á proxección do documental Noetiña: as mulleres no mar, gravado en Fisterra e Corcubión e que ten como finalidade amosar como o xénero repercute na participación das mulleres nas actividades pesqueiras e como isto inflúe na súa vida familiar, na súa participación social, na súa saúde e na súa participación en igualdade. Despois da película abrirase un debate que permitirá traballar co alumnado sobre distintos aspectos relacionados coa igualdade de oportunidades entre mulleres e homes.

O Pazo da Cultura tamén será escenario doutra actividade de 18.00 a 20.00 horas. Despois da publicación do seu libro Feminicidio: Unha nova orde patriarcal en tempos de submisión, Carme Adán estará en Carballo para dirixir un obradoiro sobre violencia de xénero. A actividade, que fora suspendida semanas atrás, contará coa participación de mulleres integradas no programa Camiñando pola Igualdade e usuarias do Centro de Información á Muller (CIM), ademais de persoal técnico.

Compartir: