Inicio Carballo ao día Novas Comezou a instalación dos sinais que...

ENTRADA EN VIGOR DA NOVA ORDENANZA DE TRÁFICO

Comezou a instalación dos sinais que limitan a 30 Km/h a velocidade dos vehículos na zona urbana

Os principais obxectivos son a mellora da seguridade viaria e a promoción dunha mobilidade máis sostible

Xoves 4 de abril do 2019

A Ordenanza reguladora do tráfico, a mobilidade e a seguridade viaria no concello de Carballo xa está aprobada definitivamente coas modificacións introducidas a raíz das alegacións presentadas no período establecido con esa finalidade.

A nova ordenanza recolle na súa maior parte aspectos xa previstos na anterior pero introduce novidades encamiñadas e mellorar a seguridade peonil, que é o gran obxectivo. Unha delas é a redución das velocidades máximas nalgunhas vías. Deste xeito, nas rúas urbanas de plataforma única non poderán superarse os 20 Km/hora, unha medida que xa está vixente en Valle-Inclán, Martín Herrera ou Desiderio Varela, por exemplo; mentres que no resto das vías urbanas o límite será de 30 Km/hora.

Hoxe comezou a instalación dos sinais que advertirán aos condutores en todas as vías de acceso a Carballo de que entran nunha cidade 30. Sumámonos deste xeito a un movemento cada vez máis estendido en Europa que, segundo está comprobado, mellora a calidade de vida da cidadanía nos seguintes aspectos:

  • Reduce atropelos e a gravidade de lesións no caso de que se produzan
  • Diminúe o nivel de ruído procedente do tráfico
  • Facilita a integración do tráfico ciclista na calzada
  • Reduce a emisión de contaminantes procedente do tráfico
  • Reduce a necesidade de semáforos e sinais: menor mantemento e menor contaminación visual
  • Favorece a disuasión do uso do vehículo motorizado
  • Facilita a creación de zonas con prioridade peonil e zonas de coexistencia, sen segregación entre beirarrúas e calzada.

No resto do viario municipal establécense tamén 30 Km/h para as denominadas travesías de núcleo, aínda que se contan con beirarrúas ou beiravías laterais para peóns e ciclistas amplíase ata 40 Km/h.

Precisamente, un dos obxectivos da ordenanza é a promoción da mobilidade sostible, baseada na prioridade dos modos de desprazamento, por esta orde: a pé, en bicicleta, transporte público e de mercadorías e transporte privado. Nese sentido, as medidas establecidas tenden a “facilitar a mobilidade da cidadanía, sobre todo dos peóns, ciclistas e viaxeiros de transporte colectivo”, calmar o tráfico para gañar en seguridade e reducir “ao máximo o número de accidentes e vítimas”, ordenar o tráfico de reparto de mercadorías para causar o menor prexuízo a veciñanza e adecuar a rede viaria e a ordenación do tráfico para a consecución desa mobilidade sostible.

A ordenanza dá resposta ás necesidades creadas a raíz da transformación do espazo público, regulando, por exemplo, a utilización das vías de plataforma única ou a circulación de vehículos de mobilidade persoal (VMP), que, con carácter xeral, teñen unha consideración similar á das bicicletas e non poderán circular por beirarrúas nin zonas peonís. As condicións concretas previstas para cada medio de locomoción, así coma o resto dos aspectos regulados na ordenanza (impacto ambiental, autorizacións, normas de circulación urbana, sinalización, carta e descarga, uso e actividades na vía pública, parada e estacionamento ou o réxime sancionador, entre outros) poden consultarse na ordenanza, que tamén atoparedes ao final desta nova.

Ligazóns

Compartir: