Inicio Carballo ao día Novas O pleno aproba por unanimidade dúas novas...

O pleno aproba por unanimidade dúas novas bonificacións do 70% no ICIO a empresas de nova implantación

Tamén obtivo o apoio de toda a corporación a proposta de adhesión ao convenio entre a FEMP e a AEAT en materia de recadación

Martes 26 de marzo do 2019

A corporación municipal celebrou este luns a penúltima sesión plenaria ordinaria do mandato. En menos dunha hora foron abordados todos os asuntos incluídos na orde do día, entre eles dúas novas propostas de bonificación no ICIO, neste caso nunha porcentaxe do 70%, a outras tantas naves de nova creación destinadas a garaxe e oficina de empresa de transportes e almacén de empresa de imaxe e comunicación.

As bonificacións saíron adiante por unanimidade, do mesmo xeito que a adhesión do Concello de Carballo ao convenio entre a Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) e a Axencia Tributaria en materia de recadación.

Na sesión deste luns tamén foi aprobada, neste caso coa abstención dos grupos da oposición, a modificación do contrato administrativo de xestión do servizo de recollida de lixo, transporte, punto limpo e canceira. A revisión implica un incremento anual de 15.000 euros no custe do servizo, que non se repercutirá nos recibos.

No apartado de rogos e preguntas, o PP interesouse por cuestións relacionadas co mobiliario urbano ou a seguridade no polígono de Bértoa. Terra Galega presentou numerosas preguntas relacionadas co persoal do Concello.

Compartir: