Inicio Carballo ao día Novas A Deputación da Coruña...

A Deputación da Coruña aprobará este venres o convenio para a mellora da seguridade en 43 pasos de peóns do núcleo urbano

A institución provincial achegará o 80% do orzamento a través dun convenio de colaboración co Concello de Carballo

Martes 26 de marzo do 2019

A Deputación da Coruña contribúe con 160.000 euros ao financiamento do proxecto de mellora da seguridade viaria nos pasos de peóns do núcleo urbano de Carballo. Aporta así, a través dun convenio co Concello, o 80% do orzamento da actuación, que en total ascende a 201.404,94 euros. O convenio, que vén de ser aprobado na Comisión de Contratación da institución provincial, será ratificado definitivamente polo pleno este venres, 29 de marzo.

Este proxecto de mellora da seguridade viaria afectará a 43 pasos de peóns do núcleo urbano, os que teñen unha maior intensidade de peóns e tráfico, nas rúas Compostela, Avenida Milagrosa, Avenida Fisterra, Vázquez de Parga, Luis Calvo, Daniel Castelao, Fomento, Gran Vía, Sol, Berdillo, Poñente, Fábrica, Malpica, Razo, Perú, Avenida Ponte da Pedra, Vicente Risco e Río Anllóns.

Os traballos a realizar para a mellora da seguridade viaria nos pasos de peóns distribúense na mellora da iluminación, da sinalización horizontal e vertical e no calmado do tráfico a través de diferentes medidas para a redución da velocidade dos vehículos.

Alumeado e instalación de paneis luminosos con detector de presenza

Para a mellora da iluminación están contempladas dúas actuacións diferentes. Nos pasos de peóns con luminarias situadas a menos de sete metros deste, substituirase a luminaria por unha de maior potencia. Mentres que naqueles casos nos que a luminaria se atope máis alonxada de sete metros, instalarase un novo punto de luz formado por unha columna cilíndrica de 6 metros de altura na que se colocará un proxector concentrador de luz que ilumine o paso de peóns.

En canto á mellora da sinalización horizontal, pintaranse os pasos de peóns con pintura termoplástica en frío, máis resistente ao paso do tempo, en branco e vermello, co obxectivo de facelos máis visibles. Ademais, instalaranse captafaros reflectores a unha cara na fronte de cada banda branca.

Para mellorar a sinalización vertical existente instalaranse paneis luminosos que ademais incorporen un texto que advirta da presenza do peón ó condutor. Tamén se incorporará un detector de presenza a ambas marxes da beirarrúa para que eses sinais luminosos só se acendan cando exista a presenza dun peón. Ademais, colocarase un sinal de limite de velocidade a 20 km/h.

Por último, aplicaranse medidas de calmado de tráfico para reducir a velocidade dos vehículos. Así, instalarase un paso de peóns elevado na rúa Fomento (nº57) e 'cojines berlineses' de goma bicolor en cinco das localizacións con maior intensidade de tráfico.

Compartir: