Inicio Carballo ao día Novas Arranca o proceso de adquisición de...

XUNTA DE GOBERNO LOCAL

Arranca o proceso de adquisición de contedores para a implantación da recollida selectiva de materia orgánica

Aprobadas na sesión ordinaria de hoxe subvencións a distintas entidades por un importe total de 43.483,48 euros

Luns 25 de marzo do 2019

O Concello de Carballo pon en marcha o procedemento de contratación do subministro de contedores para a implantación da quinta fracción dos residuos sólidos urbanos. O obxectivo é estender a todo o casco urbano o proxecto piloto “Ti tes a chave”, que se levou a cabo con moi bos resultados no barrio da Milagrosa. Neste caso trátase de conseguir a implicación de 2.000 familias para realizar a separación en orixe da materia orgánica e conseguir deste xeito ir achegándonos cada vez máis aos obxectivos establecidos na Directiva Europea Marco de Residuos.

A Xunta de Goberno Local aprobou na súa reunión de hoxe o inicio do expediente de contratación por un importe máximo de 18.024,16 euros, que serán cofinanciados polo Concello de Carballo e a Deputación da Coruña a través do Plan Único POS+ Adicional 2017, tal como acordou no seu momento o pleno da corporación.

A implantación da recollida selectiva de materia orgánica realizarase de maneira gradual e sempre contando con voluntariado “para garantir que a calidade e óptima, como se conseguiu no seu momento na Milagrosa”, segundo explicou o concelleiro de Obras e Servizos, Luís Lamas.

Outros asuntos

Na Xunta de Goberno Local de hoxe tamén foron aprobadas subvencións por un importe total de 43.483,48 euros para as seguintes entidades: Agrupación de Voluntarios de Protección Civil (25.483,48 euros), Atletismo Carballo para o financiamento da V Carreira Solidaria de 2 en 2 (2.500 euros); Escolas Balonmán Xiria para o V Torneo Carballo Handball Festival (4.500 euros); Escolas de Fútbol Luis Calvo Sanz para o XV Torneo Internacional Alevín F7 Concello de Carballo (8.000 euros) e Agrupación Deportiva Un Paso Máis para as actividades deste ano (3.000 euros).

Así mesmo, o goberno local autorizou a celebración da IX Carreira Popular Concello de Carballo, prevista para o 16 de xuño; o programa de actividades do Festival Carballo Interplay, que se presentou tamén hoxe; facturas por importe de 34.782,45 euros; licenzas urbanísticas e cadansúa prórroga para as obras da cuberta do Parque do Anllóns e a reforma do Museo de Bergantiños.

Compartir: