Inicio Carballo ao día Novas O Concello de Carballo plantou no último...

O Concello de Carballo plantou no último ano 830 árbores en espazos públicos, zonas escolares e rúas urbanas

A petición do Consello Parroquial de Oza, coincidindo co Día Forestal Mundial plantáronse 6 acivros no campo da festa

Venres 22 de marzo do 2019

A última plantación realizouse o xoves en Oza

A última plantación realizouse o xoves en Oza

360 castiñeiros, 300 bidueiros, 50 carballos e 46 acivros constitúen a maioría das 830 árbores que o Concello de Carballo leva plantadas no último ano en espazos públicos, zonas escolares e rúas urbanas. Os últimos foron os seis acivros que medran dende onte no campo da festa de Oza, a petición do Consello Parroquial.

Nos espazos públicos carballeses tamén podemos atopar tamén nogueiras, laranxeiras, cereixos e distintas variedades de arce, de moito menor porte. Pero, ademais de árbores, nos últimos doce meses tamén plantamos arbustos de distintas especies e tamaños, plantas tapizantes ou floridas. En total, arredor dun milleiro.

A zona máis importante que estamos a repoboar atópase no polígono industrial de Bértoa. Despois das 265 árbores que plantamos no 2018, coincidindo co Día Forestal Mundial, dende aquela data seguimos enchendo de verde o espazo máis industrial do concello con boa parte das 830 árbores ás que aludiamos ao comezo. O Campo Aberto de Ramil e a zona da Braña, ámbalas dúas en Sísamo, e O Bosque do Añón acollen o resto.

Na rúa Laracha, na que rematou hoxe o aglomerado do carril de circulación, tamén haberá árbores

Na rúa Laracha, na que rematou hoxe o aglomerado do carril de circulación, tamén haberá árbores

Pero ademais destas grandes áreas arboradas, tamén estamos a crear pequenos xardíns nas contornas escolares, sobre todo con plantas de flor, como camelias ou magnolias, e tamén nas rúas urbanas. A contorna do CEIP A Cristina ou a rúa Sol, que veñen de ser obxecto de reformas integrais, incorporan árbores, do mesmo xeito que o fará en breve a rúa Laracha, onde hoxe mesmo procedeuse ao aglomerado do carril de circulación.

Estas actuacións forman parte do plan de mellora e ampliación dos xardíns. De feito, neste momento está en licitación o servizo de mantemento, conservación e mellora dos espazos verdes e do arborado do concello, cun orzamento anual de 258.925,79 euros. O 22 de abril rematará o prazo para presentar ofertas. Como apunta o concelleiro de Obras e Servizos, Luis Lamas, “cada día temos máis zonas verdes e queremos telas nas mellores condicións”.

Compartir: