Inicio Carballo ao día Novas Vinte anos de historia da fotografía e de...

Vinte anos de historia da fotografía e de Carballo enchen o Pazo da Cultura na lembranza de Xosé Manuel Eirís

As 83 obras gañadoras dende a primeira edición integran a mellor exposición da historia do certame fotográfico e están á vosa disposición ata o 20 de abril

Xoves 21 de marzo do 2019 Cultura

Adriana Suárez Cotelo foi a primeira muller (e tamén a primeira carballesa) que gañou o Certame Fotográfico Xosé Manuel Eirís. O seu “Desnudo masculino nº 3” acadou o primeiro premio no ano 2002. Dezasete anos despois, a autora e a súa obra volveron a encontrarse na inauguración da exposición “20 anos de Certame Fotográfico Xosé Manuel Eirís”, que inclúe as 83 imaxes galardoadas ao longo dos dous decenios de historia do concurso e que xa forman parte, como apuntou o concelleiro de Cultura, Marcos Trigo, “do patrimonio artístico municipal”.

Estamos ante “a mellor exposición da historia do certame”, destacou o concelleiro. Repartidas entre a sala Alberto Gende e o andar -1, ata o 20 de abril poñemos a disposición de todo o mundo vinte anos de historia da fotografía e tamén da historia de Carballo.

Por iso, a apertura da mostra e a presentación do catálogo deseñado polo tamén carballés Alberto Varela Ferreiro para recompilar as obras premiadas dos últimos dez anos convertéronse nun acto cheo de agradecementos: “Á familia Eirís, ás entidades que se incorporaron nestes anos, a Interfilm, á Fundación Luis Calvo e á Deputación da Coruña, aos máis de 1.200 autores, algúns deles reincidentes, con máis de 3.000 obras presentadas, aos 83 gañadores e aos 71 membros do xurado, entre os que se atopan entidades culturais, fotógrafos de prestixio e persoas vinculadas a outras artes que aportaron outra perspectiva artística”. O concelleiro de Cultura citou expresamente a Ángel Cordero, profesor da Escola de Imaxe e Son da Coruña e estreito colaborador do certame, e aproveitou a presenza do carballés Marcos Rodríguez para felicitalo pola súa recentísima terceira Cámara de Ouro nos European Photographer of the Year Awards.

Feliciano Eirís expresou o agradecemento da familia ao recoñecemento permanente do pobo de Carballo ao seu irmán. E, no nome da Fundación Luis Calvo Sanz, Luciano Calvo destacou a valía artística e humana do que “á parte de cuñado, foi un amigo”.

Aos valores humanos que caracterizaron ao que foi o primeiro animador cultural do Concello de Carballo, e ao que o movemento asociativo quixo honrar con esta homenaxe anual tras a súa morte, tamén se referiu o alcalde de Carballo. “Que a fotografía _dixo Evencio Ferrero_ sirva tamén para dicir que neste concello honramos a persoas de ben, a bos e xenerosos, e Xosé Manuel Eirís forma parte da xente boa e xenerosa”.

Coa lectura do fermoso prólogo que escribiu Rosalía Fernández Rial para o catálogo rematou o acto. Pero a historia desta exposición, que sen dúbida fará historia, non fixo máis ca comezar. Non deixedes de visitala ata o 20 de abril, de luns a domingo, de 17.00 a 21.00 horas. Paga moitísimo a pena.

Compartir: