Inicio Carballo ao día Novas Un acto simbólico do alumnado da escola de...

Un acto simbólico do alumnado da escola de Artes no carballo de Vilar de Francos inicia as actividades do Día da Árbore

O programa tamén inclúe unha plantación en Oza e a entrega de diplomas aos nenos e nenas que apadriñaron e amadriñaron landras o ano pasado no Horto Municipal

Mércores 20 de marzo do 2019

A Concellaría de Medio Ambiente celebra o Día da Árbore cunha serie de actividades que, por unha banda, queren implicar aos máis pequenos para fomentar neles o respecto á natureza e a importancia de coidala e protexela, e, por outra, avanzar na repoboación con especies autóctonas dos espazos públicos, nos que temos plantado xa centos de árbores.

A primeira cita será mañá xoves ás 11.30. Coincidindo co Día da Árbore realizaremos un acto simbólico, coa colaboración da escola de Artes, o CRA Ponte da Pedra e o Pazo de Vilar de Francos, xunto ao carballo centenario, gravemente danado despois de tronzar o 3 de agosto do ano pasado. Os nenos e nenas estiveron a traballar nos últimos días para preparar a súa particular homenaxe á nosa árbore senlleira. Como premio a ese esforzo, ao remate do acto poderán gozar dunha merenda no Pazo.

Tamén mañá realizaremos unha plantación de árbores no campo da festa de Oza, dando así resposta a unha petición do consello parroquial.

Para o sábado temos programada unha nova cita coa infancia, neste caso nas instalacións do Horto Infantil Ecolóxico Municipal, situadas na rúa Nardos, ás 11.00 horas. Os nenos e nenas que participaron o ano pasado na xornada de apadriñamento e amadriñamento das landras recollidas no propio recinto poderán ver como evolucionan os pequenos carballos. As plantas foron inventariadas e quedaron ao coidado do Horto á espera de que alcancen o tamaño necesario para poder ser transplantadas. Este ano non poderá ser, pero os padriños e as madriñas recibirán un “título de propiedade” para cando chegue o momento.

Compartir: