Inicio Carballo ao día Novas Adxudicadas á empresa local Construcciones...

XUNTA DE GOBERNO LOCAL

Adxudicadas á empresa local Construcciones Vázquez y Reino as obras da rede de abastecemento de auga a Oza e Razo

A obra custará 1.226.456 euros e será financiada de forma íntegra con fondos municipais

Luns 11 de marzo do 2019

A Xunta de Goberno Local adxudicou na súa sesión de hoxe á empresa carballesa Construcciones Ramón Vázquez y Reino as obras de abastecemento de auga ás parroquias de Oza e Razo, cun investimento de 1.226.456 euros que serán financiados na súa totalidade con fondos municipais. 

A rede de abastecemento arrancará do polígono industrial de Bértoa en dirección a Oza, onde chegará aos lugares das Encrucilladas, Vilar do Carballo, Oza Vella, As Torres e O Rodo. Neste punto conectará coa rede existente e quedará preparada a futura conexión para estender o servizo á parroquia de Cances. Xa na parroquia de Razo aproveitaranse as canalizacións incluídas tanto nas obras de saneamento de Vilar de Cidre coma nas de pavimentación de Nétoma. A rede estenderase a toda a zona de Arnados _de onde partirá a conexión principal para o próximo subministro a Lema_ así como a Razo da Costa e Santa Mariña.

Outros acordos

Na sesión de hoxe tamén se adoptaron, entre outros, os seguintes acordos:

  • Oferta de emprego público 2019: inclúe a convocatoria de prazas de funcionario/a de carreira de técnico/a de normalización lingüística, técnico/a de orientación laboral (2), axente de policía local (2), todas elas de acceso libre, e de axente inspector/a de obras, por promoción interna; así coma 3 de oficial de protección civil e 3 de subalterno/a de dependencias municipais como persoal laboral fixo e de acceso libre.
  • En materia de emprego tamén foron aprobadas as bases e a convocatoria de 8 prazas de administrativos/as funcionarios/as de carreira, por promoción interna.
  • Convenio de colaboración entre o Concello de Carballo e a Fundación Manuel María de Estudos Galegos para a difusión da obra de Manuel María.
  • Solicitude de subvención á Deputación da Coruña para a contratación de persoal técnico para a atención do Museo de Bergantiños.
  • Programa de actuacións musicais para o ano 2019.
  • Programa de actividades complementarias de difusión e formación do XXI Certame Fotográfico Xosé Manuel Eirís.
  • Bases da VI Competición de webseries e do Premio a proxecto de webserie en galego do Festival Carballo Interplay 2019, a modificación da contía da subvención solicitada á Axencia Galega de Industrias Culturais e, fóra da orde do día, un convenio de colaboración con CTV para a difusión do evento.
  • Facturas por importe de 69.716,62 euros e gratificacións ao persoal municipal.
  • Licenzas urbanísticas, entre elas a correspondente á construción dunha nave destinada a almacén de empresa madeireira no polígono industrial de Bértoa.
  • Inicio do expediente de contratación dos servizos de mantemento, conservación e mellora dos espazos verdes e o arborado do concello, por un prazo de catro anos e un prezo máximo de 313.300,21 euros ao ano, e tamén dos servizos de soporte ante continxencias físicas e ambientais do centro de proceso de datos municipal, por tres anos, con posibilidade de dous máis de prórrogas, e un prezo anual de 25.000 euros.

Compartir: