Inicio Carballo ao día Novas A veciñanza de Goiáns...

A veciñanza de Goiáns interésase pola tramitación do centro social, que segue o seu curso

Evencio Ferrero trasladou ao Consello Parroquial unha carta enviada á Consellería de Infraestruturas para que proceda ao arranxo da estrada AC-414

Venres 1 de marzo do 2019 Participación veciñal

A construción do centro social é a prioridade marcada polo Consello Parroquial de Goiáns, e por iso na xuntanza celebrada esta semana volveu a abordarse o tema. A veciñanza interesouse polos avances na tramitación da modificación urbanística precisa para poder utilizar a parcela escollida, e o alcalde informou de que esa modificación puntual está aprobada xa inicialmente. Haberá que agardar, sen embargo, á definitiva para encargar a redacción do proxecto, pero Evencio Ferrero confía en que ese trámite se realice nun prazo razoable para poder incluír a construción do edificio nos orzamentos do ano 2020.

O Consello Parroquial de Goiáns presentou distintas propostas relacionadas, fundamentalmente, con melloras nos servizos: espazos de ocio, ríos de lavar e lavadoiros, saneamentos e melloras viarias.

Con respecto a estas últimas, o alcalde trasladou aos integrantes do consello unha carta remitida dende o Concello á Consellería de Infraestruturas e Mobilidade para que “á maior brevidade posible procedan á reparación dos treitos da estrada AC-414, Carballo-Malpica, que transcorren polos lugares de Xoane da Estrada, na parroquia de Goiáns, e Cances Grande, na parroquia de Cances, debido a que a súa capa de rodaxe está bastante deteriorada e contan con numerosas fochancas”. Na carta, que se acompaña con fotografías, o alcalde expón que a estrada leva anos sen mantemento e que urxen as reparacións pola intensidade de tráfico pesado que ten.

Compartir: