Inicio Carballo ao día Novas Aberta ao público con moita afluencia e...

Aberta ao público con moita afluencia e moi boa acollida a skate-praza Rego da Balsa

O fluxo de afeccionados foi constante dende que se retiraron as vallas

Venres 1 de marzo do 2019

Había moitas ganas de skate-praza. Un sector da mocidade levaba moito tempo demandando unha instalación axeitada para a práctica dun deporte que será olímpico en Tokyo 2020, e nas últimas semanas, a medida que se intuía o remate da obra, a expectación ía en aumento. O gran día chegou hoxe, coa apertura ao público da skate-praza Rego da Balsa, un proxecto do arquitecto Óscar Pedrós, que tamén asinou o da biblioteca veciña e que, ademais, é un experto patinador.

Aínda que non se celebrou acto oficial nin se anunciou a apertura, dende que a empresa Construcciones López Cao retirou as vallas que impedían o paso durante a execución da obra foi constante a afluencia de afeccionados. Tamén se achegaron ata a instalación o alcalde, Evencio Ferrero; os concelleiros Luis Lamas, Marcos Trigo e Xosé Regueira, a concelleira Milagros Lantes e o propio Óscar Pedrós, que se amosou encantado polo uso tan elevado da skate-praza no seu primeiro día de funcionamento.

Carballo gaña un novo espazo público no que a cidadanía é a gran protagonista. A skate-praza Rego da Balsa é un proxecto pioneiro na Costa da Morte que naceu cunha dobre finalidade: dende o punto de vista urbanístico, completar a ordenación do solo de equipamentos nese ámbito cunha solución que lle dá continuidade á biblioteca, convertida xa nun gran elemento dinamizador de toda esa contorna; dende o punto de vista social, a nova praza, deseñada polo mesmo arquitecto que a biblioteca, mantén a filosofía de flexibilidade, dinamismo e intercambio social.

Con ese obxectivo, a skate-praza dálle continuidade ao patio central da biblioteca, que poderá utilizarse a partir de agora coma bibliopraza e zona de xogos. Tamén hai unha área de estancia con sol e sombra para usuarios/as de diferentes idades, unha franxa pavimentada para a práctica do baile ou slalom e a skate-praza, pensada para o público adolescente e non tanto que vén reclamando este tipo de equipamentos. O investimento acadou os 145.200 euros.

Descargas

Vídeos

Compartir: