Inicio Carballo ao día Novas Asinado o contrato para a execución das...

Asinado o contrato para a execución das obras de soterramento dos tendidos aéreos na contorna da igrexa de Rus

A actuación será realizada por Construcciones Ramón Vázquez y Reino por un importe de 40.898 euros

Luns 25 de febreiro do 2019

O representante da empresa e o alcalde, na sinatura do contrato

O representante da empresa e o alcalde, na sinatura do contrato

A primeira petición que presentou a veciñanza de Rus no Consello Parroquial foi o traslado do poste de madeira situado diante da igrexa de Santa María para o valado. A raíz desa demanda, o Concello de Carballo encargou un proxecto para eliminar non só ese poste, senón todos os tendidos aéreos que afean unha das igrexas máis fermosas de toda a Costa da Morte, unha xoia do barroco que merece unha contorna acorde.

O alcalde, Evencio Ferrero, asinou hoxe o contrato coa empresa que vai levar a cabo a obra, Construcciones Ramón Vázquez y Reino. Liberar a igrexa de Rus de todos os cables que a rodean custará 40.898 euros. Os traballos empezarán en breve.

A actuación, incluída no Plan Único POS+ 2018, encádrase dentro do acordo adoptado xa no ano 2007 entre a Deputación Provincial da Coruña e Unión Fenosa Distribución S. A. para eliminar ou minimizar o impacto visual ou estético de determinados tendidos ou instalacións eléctricas “que afecten a aquelas edificacións que polas súas características singulares ou polo seu valor arquitectónico sexan cualificadas de interese institucional, histórico ou artístico ou declaradas como tal, favorecendo así as integración destas instalacións na contorna que as rodea”.

As liñas aéreas serán substituídas por unha liña soterrada, e ademais procederase ao cambio de localización dos puntos da iluminación pública por outros adecuados á contorna e sobre báculos de aceiro.

Os cables que rodean a igrexa desaparecerán

Os cables que rodean a igrexa desaparecerán

A igrexa parroquial de Santa María de Rus, a máis representativa do noso concello e un claro exemplo do barroco xeométrico galego, como recolle o catálogo de protección do PXOM, comezou a construírse no ano 1606. A planta é de cruz latina, á que, sucesivamente, se lle foron engadindo pequenos corpos. A cubrición interior levouse a cabo cunha bóveda de canón, realizada en pedra e dividida en varios tramos que se delimitan por arcos faixóns. O cruceiro cóbrese cunha cúpula. Como é común nas construcións relixiosas do municipio carballés, o xogo ornamental exterior concéntrase na fachada. Esta, enmarcada con catro pilastras de orde xigante que sustentan o friso, preséntase como un rotundo volume, no que se inscriben, sobre un eixo vertical central, a porta principal, unha pequena fornela que acolle á imaxe pétrea de Santa María, un oco circular, un frontón e máis a torre.

Compartir: