Inicio Carballo ao día Novas Aprobada a cesión de uso do edificio...

Aprobada a cesión de uso do edificio municipal situado no polígono de Bértoa á Asociación As Eiroas

A Xunta de Goberno Local aprobou na súa xuntanza deste luns 25 a cesión de uso en precario do edificio municipal situado no polígono industr

Luns 25 de febreiro do 2019

O edificio municipal do polígono está situado xunto á rotonda do Escalo

O edificio municipal do polígono está situado xunto á rotonda do Escalo

A Xunta de Goberno Local aprobou na súa xuntanza de hoxe a cesión de uso en precario do edificio municipal situado no polígono industrial de Bértoa á Asociación As Eiroas de Propietarios e Empresarios. A entidade poderá utilizar o inmoble durante catro anos para a celebración de actividades orientadas á dinamización económica e promoción social, co obxectivo, como argumentaba na solicitude presentada no Concello de Carballo, de “facer deste edificio un espazo aberto a todos os usuarios do polígono”.

Tamén saíu adiante hoxe o IV Plan de Igualdade do Concello de Carballo, que trata de avanzar e afondar nos cambios sociais que contribúan a facer realidade o principio de igualdade entre homes e mulleres que xa se iniciaron nos anteriores plans de igualdade.

A Xunta de Goberno Local aprobou cinco licenzas de obra, dúas delas para a construción doutras tantas naves no polígono de Bértoa.

En materia de contratación foi adxudicado á empresa Move Servicios de Ocio y Deporte o contrato para impartir o programa de exercicio físico para maiores de 60 anos durante dous anos, con posibilidade de prórrogas anuais por outros tres, e cun orzamento de 50.740,30 euros (sen IVE) para os dous anos de duración do contrato.

Tamén se aprobou a prórroga do prazo de execución das obras de cubrición do Parque do Anllóns, así coma a do contrato de servizos para a dirección técnica do Festival Internacional de Contidos Dixitais Carballo Interplay. Fóra da orde do día saíron adiante cadanseu convenio coa Asociación de Profesionais da Dirección e a Realización de Galicia (CREA) e a Asociación Sindical Galega de Guionistas (AGAG) para o CIP.

Finalmente, tamén fóra da orde do día, deron luz verde á solicitude á Secretaría Xeral de Igualdade dunha axuda por importe de 62.327,64 euros para o mantemento do Centro de Información á Muller (CIM).

Compartir: