Inicio Carballo ao día Novas Participa nas actividades organizadas por Adega e...

Participa nas actividades organizadas por Adega e Senda Nova para conmemorar o Día Mundial dos Humidais

O sábado realizarase unha xornada de eliminación de flora exótica invasora e o domingo, unha visita interpretativa a Baldaio

Xoves 31 de xaneiro do 2019

O Concello de Carballo colabora con Adega e Senda Nova, con motivo do Día Mundial dos Humidais, para chamar a atención sobre a necesidade de protexer espazos de tanto valor ecolóxico, cultural e social coma Baldaio. Este será, precisamente, o escenario das accións programadas por estas dúas entidades para a fin de semana.

O sábado 2 levarase a cabo por parte de Adega unha xornada de eliminación de flora exótica invasora cun grupo de voluntariado ambiental. Se queres participar aínda podes inscribirte chamando aos teléfonos 981 570 099-619 627 038 ou enviando un correo electrónico a pacobanhobre@adega.gal.

O programa comezará ás 10.30 cunha introdución á problemática das especies exóticas invasoras, e xa a partir das 11.00 levaranse a cabo os traballos de eliminación. Despois do xantar, previsto para as 15.00 horas, levarase a cabo unha ruta por Baldaio para a observación de aves.  

O domingo sairán dende a rúa Venezuela de Carballo, ás 09.30 horas, os/as participantes dos Días de achegamento aos humidais da comarca que organiza a asociación Senda Nova, e que nesta primeira xornada terán como destinos Baldaio, pola mañá, e Alcaián (Coristanco), pola tarde.

En colaboración co Grupo Naturalista Hábitat, está prevista unha visita interpretativa que permitirá ás persoas participantes achegarse á riqueza ecolóxica e ornitolóxica da zona. Para participar é imprescindible inscribirse previamente na base de Protección Civil de Carballo, de luns a venres de 10.00 a 13.00 horas, ou no Espazo da Natureza de Oza, hoxe xoves de 17.00 a 20.00 horas.

Compartir: