Inicio Carballo ao día Novas Aprobada a primeira licenza de construción...

XUNTA DE GOBERNO LOCAL

Aprobada a primeira licenza de construción dun edificio de vivendas dos últimos dez anos

Luns 28 de xaneiro do 2019

O solar ten unha superficie de 483 metros, dos que 40 serán cedidos ao Concello para a regularización do viario

O solar ten unha superficie de 483 metros, dos que 40 serán cedidos ao Concello para a regularización do viario

A Xunta de Goberno Local aprobou hoxe a licenza para a construción dun edificio de vivendas nun solar de 483 metros cadrados situado entre as rúas Nicaragua, Costa Rica e Brasil. O acordo pasaría sen pena nin gloria se non fose porque se trata da primeira licenza para un bloque de pisos que se tramita nos últimos dez anos.

A superficie total construída será de 3.176 metros cadrados, distribuídos entre o soto, que albergará 12 prazas de garaxe, 13 rochos e un local de reserva para RSU; a planta baixa, con 11 prazas de garaxe, 6 rochos, cuartos de instalacións, local para centro de transformación e portal de acceso ás vivendas, catro plantas con catro vivendas en cada unha delas e unha quinta baixo cuberta na que haberá 3 vivendas máis. En total, 19 vivendas, 23 prazas de garaxe e 19 rochos.

O orzamento de exección material ascende a 1.671.732,92 euros. A partir da notificación da concesión da licenza, a empresa promotora dispón de seis meses para iniciar as obras e de tres anos para rematalas. Ademais do edificio, o promotor asume a urbanización dos terreos e cede ao Concello de Carballo unha superficie de 40 metros cadrados para a regularización do viario público.

Outros acordos

En materia urbanística, a Xunta de Goberno Local tamén deu o visto bo á construción dunha vivenda unifamiliar en Bértoa, á reforma e ampliación dun edificio situado na avenida da Milagrosa e á legalización de tres obras en Sísamo, Lema e Razo.

Por outra banda, o goberno aprobou un convenio de colaboración coa academia Gaba Formación para a realización de prácticas profesionais da acción formativa Operacións auxiliares de servizos administrativos e xerais, ademais da solicitude de tres  subvencións á Deputación da Coruña para financiar o gasto de persoal de turismo, a contratación de persoal técnico deportivo e para o desenvolvemento do festival Carballo Interplay, e doutra máis á Xunta para a contratación de persoal para o Servizo Municipal de Protección Civil dende o 1 de agosto ata o 31 de outubro.

Así mesmo, por parte do Concello de Carballo foi aceptada a solicitude de subvención realizada por unha empresa local pola contratación dunha alumna do obradoiro de emprego de Revalorización de espazos urbanos.

Compartir: