Inicio Carballo ao día Novas A corporación municipal aprobará no...

ROLDA DE PRENSA DE EVENCIO FERRERO E MILAGROS LANTES

A corporación municipal aprobará no primeiro pleno do ano varias modificacións urbanísticas

A delegación de competencias na Xunta para a contratación de auxiliares de policía e a adhesión ao convenio regulador do proxecto Río Anllóns completan a convocatoria

Xoves 24 de xaneiro do 2019

Milagros Lantes e Evencio Ferrero presentaron os asuntos do pleno

Milagros Lantes e Evencio Ferrero presentaron os asuntos do pleno

O luns 28 toca pleno ordinario e a corporación municipal deberá manifestarse con respecto a varias cuestións urbanísticas. Por unha banda figuran dúas modificacións do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM), unha que afecta a solo urbano e outra en solo rústico e de núcleo rural. O alcalde, Evencio Ferrero, e a concelleira de Planificación e Mobilidade Urbana, Milagros Lantes, explicaron hoxe en rolda de prensa o contido das propostas.

As modificacións en solo urbano afectan a cinco zonas concretas:

  • Parcela que linda co cuartel da Garda Civil, que aparece no PXOM como solo de equipamento cando en realidade é de titularidade privada, xa que no seu día foi obxecto dunha permuta na Praza de Vigo para a construción do centro de día.
  • Algo semellante ocorre coa subestación eléctrica da Brea, que aparece como equipamento público cando é dunha empresa, polo tanto privada.
  • Corrección das aliñacións no cruce de Vázquez de Parga con rúa Muíño para que se manteña o ancho de rúa en 12 metros.
  • Axuste de aliñacións no cruce das rúas Cuba e Costa Rica.
  • Cambio de aliñacións entre as rúas Andrés Gaos e Escultor Asorey para manter o ancho de vía nesa zona da avenida de Bértoa.

En solo rústico e de núcleo rural, as propostas son as seguintes:      

  • Modificación do trazado dunha vía que atravesa o núcleo de Loenzo de Abaixo (Bértoa), xa que afecta a unha vivenda.
  • Corrección dun erro cartográfico en Ardaña.
  • Modificación na zona do pombal de Vilela, xa que o propietario do terreo ofrece unha cesión gratuíta ao Concello de Carballo para acondicionar un espazo público pero para manter o aproveitamento urbanístico, que xa ten, no resto da final precisa que se garanta un acceso.
  • Ampliación da vía de acceso ao cemiterio de Berdillo.

En materia urbanística, o pleno tamén abordará unha moción presentada por Terra Galega sobre a accesibilidade na rúa Eduardo Blanco Amor. A este respecto, o alcalde explicou que están solicitados os informes que pide o grupo da oposición para poder adoptar unha decisión ao respecto.

Por outra banda, na convocatoria figura tamén a delegación de competencias na Xunta de Galicia para o desenvolvemento dos procesos de selección de auxiliares de policía, como xa se está facendo no caso dos axentes. Así mesmo, está prevista a aprobación do convenio de cooperación entre a Deputación da Coruña e os sete concellos da comarca de Bergantiños para a regulación do proxecto de posta en valor do río Anllóns, para o cal existe unha consignación inicial de 500.000 euros.

Compartir: