Inicio Carballo ao día Novas Consigue o teu certificado de profesionalidade no...

ABERTO O PRAZO DE INSCRICIÓN

Consigue o teu certificado de profesionalidade no curso de competencias clave de nivel 3 que organiza o Fórum Carballo

O Concello pon en marcha por primeira vez un curso do Plan AFD, que facilita o acceso directo á competencia sen necesidade de acudir ao exame anual que convoca a Xunta

Xoves 24 de xaneiro do 2019

Este ano podes conseguir o teu certificado de profesionalidade sen necesidade de acudir ao exame anual que convoca a Xunta de Galicia. Por primeira vez, entre a ampla oferta de cursos AFD (Accións Formativas para Desempregados) que organiza o Concello de Carballo figura un de competencias clave de nivel 3, que comezará o vindeiro mes de febreiro no Fórum.

A principal diferenza con respecto aos cursos que viña organizando ata agora a Bolsa de Traballo (BDT) municipal é que as persoas que aproben o curso xa accederán directamente ao certificado da competencia, e ademais, ao ser de nivel 3, a cualificación é superior.

Para participar non é preciso contar con ningún tipo de titulación nin con certificado dun nivel inferior. Simplemente é preciso inscribirse o antes posible no Fórum Carballo, ou ben acudindo ás oficinas municipais situadas no segundo andar do edificio administrativo ou ben chamando ao 981 709 011, onde tamén podes solicitar a información que precises.

As clases empezarán en febreiro, e desenvolveranse de luns a venres en horario de 09.00 a 14.00. O curso inclúe as competencias en lingua española (220 horas), matemáticas (220 horas) e lingua galega (35 horas). 

Os certificados de profesionalidade que se poden conseguir grazas a este tipo de accións formativas supoñen unha ferramenta moi útil para a mellora da empregabilidade.

Compartir: