Inicio Carballo ao día Novas Sabes cantos residuos xeramos cada ano no noso...

Sabes cantos residuos xeramos cada ano no noso concello? Máis de 12 millóns de quilos!

O goberno municipal aposta pola posta en marcha de programas alternativos, coma os de compostaxe, que contribúen á redución do volume de lixo

Mércores 23 de xaneiro do 2019

Recollida de lixo

Recollida de lixo

O servizo municipal de recollida de lixo xestionou o ano pasado 12.032.430 quilos de residuos sólidos urbanos, envases lixeiros, papel e cartón, vidro, chatarra, madeira, plástico agrícola e escombro, que constitúen a maior parte dos residuos que chegan aos contedores e ao punto limpo.

A maiores, no punto limpo foron recollidos 1.528 litros de aceite vexetal e mineral, e 5.693 unidades de electrodomésticos e aparellos eléctricos, aerosois, pinturas, pneumáticos, mobles, baterías, filtros de aceite e envases contaminantes. Pero, aínda que as cifras corresponden a un ano concreto, están dentro da media dos últimos anos. A nivel mundial estímase que cada persoa xera 1,2 quilos de lixo ao día, e en Carballo axustámonos bastante á media.

Reducir o volume de residuos é un dos grandes obxectivos do goberno municipal. Dende o punto de vista medioambiental, o lixo é un dos grandes problemas do noso planeta. Por iso apostamos pola valorización dos residuos a través de iniciativas coma o programa de compostaxe doméstica, que ademais de reducir dunha maneira importante a cantidade de desperdicios que chega ao contedor verde, permite o aproveitamento do compost como abono, que, por certo, segundo a experiencia que temos en Carballo, é de moi boa calidade. Na mesma liña enmárcase tamén a recollida a pé de rúa de aceite vexetal (6.072 quilos nos últimos cinco meses a maiores dos rexistrados no punto limpo), que en vez de acabar nos sumidoiros pode ser utilizado na fabricación de multitude de produtos, ou a de roupa usada (73.000 quilos o ano pasado), que, ademais de todo isto, ten un fin social.

Pero ademais do aspecto medioambiental, a redución do volume de lixo tamén nos vai ao peto, porque cantas menos toneladas enviemos a Sogama menos teremos que pagar. Por iso é moi importante reducir, pero tamén que realicemos unha correcta separación dos residuos nos nosos fogares. Para que vos fagades unha idea, aquí abaixo tedes o resumo dos residuos recollidos nos colectores e no punto limpo do polígono de Bértoa nos dous últimos anos.



Galería

Compartir: