Inicio Carballo ao día Novas O Fórum Carballo acollerá un dos...

ACOLLERÁ 18 PROXECTOS EMPRESARIAIS RELACIONADOS COA TECNOLOXÍA E/OU A INNOVACIÓN

O Fórum Carballo acollerá un dos centros de coworking da rede provincial impulsada pola Deputación

Valentín González Formoso e Evencio Ferrero asinaron hoxe o convenio para desenvolver o proxecto, que suporá un investimento 93.750 euros

Luns 10 de decembro do 2018

Valentín González Formoso e Evencio Ferrero, na sinatura do convenio

Valentín González Formoso e Evencio Ferrero, na sinatura do convenio

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, asinaron esta mañá na sede da institución provincial o convenio para a creación no noso concello dun dos centros de coworking que integrarán a nova Rede Provincial de Centros de Traballo Colaborativo. O proxecto suporá un investimento de 93.750 euros, dos que o 80% (75.000 €) serán achegados directamente pola Deputación a través dos fondos da liña de apoio a emprendedores do Plan de Emprego Local (PEL-Emprende).

Con estes fondos adaptarase un espazo de preto de 160 metros cadrados dispoñible no complexo do Fórum Carballo con capacidade para acoller ata 18 novos proxectos empresariais, cuxa actividade de negocio estará orientada ou vinculada ao sector tecnolóxico ou da innovación.

Carballo pasa así a formar parte, xunto con Oleiros, Brión e Boiro, do grupo de concellos que conforman o embrión da futura Rede Provincial de Centros de Traballo Colaborativo, que aglutinará tanto espazos xa existentes coma de nova creación, independentemente da súa tipoloxía (viveiros de empresas, centros de negocio e coworking) nos que se ubicarán iniciativas emprendedoras dun sector determinado. Así, por exemplo, o centro de Oleiros estará destinado a emprendedores do sector da arquitectura, o urbanismo, a enxeñería ou as enerxías renovables; o de Brión a empresas de transformación de produtos do sector primario, e o de Boiro aos sectores conserveiro, de transformación de produtos do mar, hostaleiro e turístico.

"Os centros serán de ámbito comarcal e a súa finalidade será axudar a desenvolver sectores produtivos e profesionais específicos en cada zona da provincia. O noso obxectivo é acompañar aos emprendedores na posta en marcha das súas ideas de negocio, prestarlles servizos e permitir que compartan experiencias, creando sinerxias e transferencias de coñecemento que impulsen o desenvolvemento dos seus proxectos", afirmou o presidente da Deputación, Valentín González Formoso.

Coa creación desta Rede, a área de Promoción Económica e Emprego da Deputación pretende establecer uns mecanismos de coordinación e colaboración comúns para a prestación de servizos de apoio ás empresas e emprendedores, que estará dotada con recursos suficientes para que estes servizos sexan eficientes e de calidade.

Un centro orientado ao sector tecnolóxico

O centro de Carballo estará orientado ao sector tecnolóxico e empresas innovadoras. Ubicarase no complexo do Fórum Carballo, que engloba 5 edificios enfocados á prestación de servizos relacionados coa formación e o emprego nas comarcas de Bergantiños e Costa da Morte.

O espazo da Deputación localizarase nun área de 156 metros cadrados do segundo andar do edificio 1, no que (conxuntamente cun auditorio con aforo para 120 persoas) conviven diferentes salas de usos múltiples. Trátase dun espazo diáfano, versátil e con amplos ventanais que permiten a entrada de luz natural.

O centro terá capacidade para a instalación de 18 emprendedores, ademáis de contar con espazos para un/unha técnico de dinamización e un/unha auxiliar administrativo/a. Ademais, o espazo de traballo colaborativo utilizará as infraestruturas do Fórum Carballo que sexan necesarias para desenvolver as súas actividades (salas de formación, auditorio, salas de reunións, despachos...).

Nesta primeira fase levaranse a cabo accións de adecuación das instalacións do Fórum para acoller o centro (sistemas de filtro de luz natural para as fiestras, dotación de mobiliario de oficina, habilitación da zona de recepción e despacho do técnico de dinamización), contratación do persoal encargado da xestión do centro e elaboración do regulamento de funcionamento do centro. Nunha segunda fase levarase a cabo o proceso de capatación e selección dos usuarios do centro, a implantación da imaxe corporativa e accións de promoción e difusión. Na última, o equipo técnico analizará as necesidades específicas dos proxectos empresariais implantados e desenvolverá un programa formativo e traballos de mentoring para a consolidación e desenvolvemento dos proxectos empresariais.

Compartir: