Inicio Carballo ao día Novas Carballo viste de negro contra as violencias...

Carballo viste de negro contra as violencias cunha serie de propostas que se desenvolverán do 22 o 26 de novembro

Máis de 125 establecementos comerciais e hostaleiros converteranse tamén en escaparates do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres e Nenas

Sábado 17 de novembro do 2018

Maica Ures e Evencio Ferrero presentaron a campaña

Maica Ures e Evencio Ferrero presentaron a campaña

O Concello de Carballo volve a participar na campaña En negro contra as violencias co obxectivo de implicar a toda a poboación. Arredor do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres e Nenas, que se celebra o 25 de novembro, a Concellaría de Igualdade e Benestar e o Centro de Información á Muller (CIM) teñen deseñado un programa de actividades coas que tratan de acadar ese obxectivo. Presentárono a concelleira Maica Ures e o alcalde, Evencio Ferrero, que aludiu á “obriga de calquera institución de amosar o drama do feminicio”.

No caso de Carballo, ese traballo arrincará coa iniciativa Camiñando pola igualdade, coa que tratamos de visibilizar a realidade a través da organización de dous obradoiro, un para mulleres e outro para homes, co obxectivo de que co tempo se convertan nun só. “Pode parecer contraditorio que se organicen talleres separados, pero está claro que os puntos de partida son distintos. Cando os homes teñan no seu vocabulario diario palabras coma corresponsabilidade faremos un grupo conxunto. Iso sería un paso moi importante para Carballo e para a sociedade en xeral”, expuxo a concelleira de Igualdade e Benestar.

Os obradoiros celebraranse os días 22 (o de mulleres) e o 24 (o de homes) na Biblioteca Municipal Rego da Balsa. As prazas son limitadas, e as persoas interesadas en participar poden inscribirse enviando un correo electrónico a carballoennegro@gmail.com ou a través do teléfono 981 700 688 (CIM).

No programa, que pode consultarse na imaxe inferior, hai propostas para persoas adultas, pero tamén para escolares, tanto de primaria coma de secundaria. Maica Ures convidou a toda a poboación a sumarse, dun xeito moi especial á concentración que se celebrará o día 25 ás 12.30 horas na Praza do Concello, “porque as mulleres –dixo- fomos, somos ou podemos ser vítimas de violencia de xénero”.

Ao día seguinte, o luns 26, está previsto que a corporación municipal aprobe unha declaración institucional contra a violencia de xénero, algo que, como lembrou o alcalde, lévase facendo dende o ano 2003. “Pero os actos simbólicos _engadiu_ non son suficientes, e alegrámonos de que pouco a pouco esta problemática vaia tendo unha maior resposta por parte da sociedade”.

Exemplo desa maior sensibilización social é, por exemplo, a amplísima participación do empresariado local na campaña Carballo en negro contra as violencias. Este ano participarán máis de 125 establecementos comerciais e hostaleiros, que durante os vindeiros días converterán os seus escaparates na representación do rexeitamento social á violencia, utilizando para iso a cor negra como elemento fundamental da súa decoración e difundindo as mensaxes da campaña.



Galería

Compartir: