Inicio Carballo ao día Novas O Fórum Carballo ofrece formación...

O Fórum Carballo ofrece formación gratuíta en prevención de riscos laborais, electricidade e hostalaría

As persoas inscritas na BDT, que ten usuarios/as de toda Galicia, teñen preferencia á hora de acceder a determinados cursos

Venres 16 de novembro do 2018

O Fórum Carballo convértese, definitivamente, no gran viveiro de formación da Costa da Morte cunha nova oferta de cursos abertos á participación de todas as persoas que queiran mellorar a súa preparación para acceder ao mercado de traballo. Nestes momentos temos en marcha accións formativas, totalmente gratuítas, enfocadas á inserción laboral nos sectores da electricidade, a construción e a hostalaría, todos eles con altas porcentaxes de empregabilidade.

Para o curso de Montaxe e mantemento de instalacións eléctricas de baixa tensión, incluído no Plan AFD 2018-19, estamos a piques de pechar o prazo de inscrición, de xeito que as persoas interesadas deben dirixirse canto antes (mellor o luns ca o martes) ás oficinas municipais situadas no 2º andar do edificio administrativo do Fórum ou chamar, de luns a venres polas mañás, ao 981 709 010 ou 981 709 011.

Os únicos requisitos para participar son atoparse en situación de desemprego e ter o graduado en ESO (ou ben as competencias clave de nivel 2 ou ben un certificado de profesionalidade de nivel I da mesma familia e área profesional de electricidade e electrónica ou ben un anterior de nivel 2 de calquera familia profesional). O curso terá unha duración de 930 horas, dende o 3 de decembro do 2018 ata o mes de setembro do 2019. O horario das clases será de 09.00 a 14.00.

Para traballar en sectores coma a construción, que ten unha altísima demanda de man de obra agora mesmo, resulta imprescindible a formación en Prevención de Riscos Laborais. E por iso no Fórum Carballo organizamos dous cursos, un de nivel básico da construción e outro específico de aparatos elevadores ao que só poderán acceder persoas que teñan cursado o de nivel básico. As clases impartiranse do 26 de novembro ao 14 de decembro, en horario de 09.00 a 14.00.

Hai 25 prazas para cada curso, e o prazo para solicitalas estará aberto do 19 o 22 deste mes. Os impresos de solicitude poden recollerse no Fórum e deberán presentarse por Rexistro. As persoas usuarias da Bolsa de Traballo (BDT) do Concello de Carballo terán prioridade, e o resto das prazas asignaranse por orde de solicitude.

Máis prazas para hostalaría

Alumnado da Escola de Cociña

Alumnado da Escola de Cociña

Desde a Concellaría de Promoción Económica tamén estamos a apostar moi forte pola formación de profesionais da hostalaría. Neste sector estamos preparando para comezar en xaneiro un novo curso de Servizos de bar e cafetería, dentro do Plan AFD, que nesta ocasión contará coa gran vantaxe de desenvolverse de forma paralela ao primeiro curso de cociña da Escola Municipal de Hostalaría, que está en marcha xa nestes momentos.

O prazo de inscrición para Servizos de bar e cafetería aínda non está aberto, pero as persoas interesadas poden pedir xa información. No que si abriremos un novo prazo a vindeira semana, do 19 ao 23, é no curso de Cociña, co obxectivo de cubrir as posibles baixas por proxectos laborais e dispoñer dunha listaxe de agarda que axilice o proceso de inserción, dado o enorme interese e os bos resultados que está a dar esta acción formativa. As bases de selección e o formulario de solicitude poden descargarse máis abaixo.

Descargas

Compartir: