Inicio Carballo ao día Hemeroteca Arranca o procedemento de contratación das...

XUNTA DE GOBERNO LOCAL

Arranca o procedemento de contratación das obras de mellora viaria do núcleo do Castrillón e de construción do centro social de Bértoa

O Concello de Carballo investirá preto de 650.000 euros en dous proxectos demandados pola veciñanza a través dos Consellos Parroquiais

Luns 5 de novembro do 2018 Carballo ao día

Vista do Castrillón

Vista do Castrillón

A Xunta de Goberno Local aprobou hoxe os expedientes de contratación dous importantes proxectos demandados pola veciñanza a través dos Consellos Parroquiais. Por unha banda, cun orzamento de 249.865,92 euros sairá a licitación o proxecto de conservación e mellora viaria no núcleo de Castrillón (Lema) e, por outra, a construción do centro social de Bértoa, para o que se destinan 389.994,27 euros. En total, preto de 650.000 euros procedentes de recursos propios do Concello de Carballo.

No Castrillón acometerase unha intervención semellante ás realizadas en Cances Grande ou O Rodo (Oza). Coma nos casos anteriores, O Castrillón é un asentamento tradicional xurdido en torno á capela de Santa Irene e cuxas edificacións manteñen en grande medida a referencia tipolóxica orixinaria. Ademais, serve de miradoiro natural desde o que se divisa gran parte do termo municipal e acolle elementos patrimoniais protexidos, tanto de carácter arqueolóxico, coma o castro de Santa Irene, coma arquitectónico, como a capela, o cruceiro e un hórreo. Por estes valores arquitectónicos, paisaxísticos e medioambientais, o núcleo no seu conxunto está protexido no PXOM.

A intervención prevista, en consecuencia, terá en conta todos eses elementos de interese e seguirá as pautas da Xunta de Galicia para este tipo de núcleos. As obras consistirán na pavimentación do rueiro con formigón, e ademais aproveitaranse para deixar colocada tamén a rede de abastecemento de auga.

Plano do centro social de Bértoa

Plano do centro social de Bértoa

Polo que respecta ao centro social de Bértoa, a construción realizarase nunha parcela de 6.210 metros cadrados situada no polígono industrial, nas inmediacións da zona verde. O autor do proxecto, que foi consensuado coa representación veciñal no Consello Parroquial, propón un edificio dividido en dous volumes construídos baixo unha mesma cuberta, o que permitirá xerar entre eles un espazo público para uso comunitario protexido da choiva e do sol.

Nun dos volumes situarase un auditorio con zona de almacenaxe e aseo, e no outro, un salón social, aulas, oficina e aseos. No exterior está previsto crear unha zona de barbacoa e un patio, así coma un espazo con asentos en forma de grada aberta á zona arborada. En total construiranse 530 metros cadrados.

Na xuntanza de hoxe tamén se puxo en marcha o procedemento de contratación dos servizos de deseño, subministro e instalación de alumeado ornamental, cun orzamento anual de 60.500 euros.

A Xunta de Goberno Local aprobou, así mesmo, a celebración da actividade escolar de campo a través, prevista para o día 30 deste mes; o Carballo Trail Race 2019, que se desenvolverá o 3 de febreiro; un convenio coa Agrupación Deportiva Un Paso Máis por importe de 3.000 euros; facturas por un total de 56.186,31 euros; devolución de avais, vaos e licenzas urbanísticas. Fóra da orde do día foron aprobadas as subvencións a entidades sociais.

Compartir: