Inicio Carballo ao día Novas O Concello de Carballo e a Asociación de...

O Concello de Carballo e a Asociación de Empresarios do Polígono coordinan esforzos para mellorar a seguridade

O alcalde, Evencio Ferrero, e representantes dos empresarios mantiveron hoxe unha xuntanza na Subdelegación do Goberno

Luns 15 de outubro do 2018

A xuntanza celebrouse hoxe na sede da Subdelegación do Goberno

A xuntanza celebrouse hoxe na sede da Subdelegación do Goberno

A mellora da seguridade no polígono industrial de Bértoa é un obxectivo compartido pola Asociación de Empresarios As Eiroas e o Concello de Carballo, que están a coordinar esforzos para intentar conseguilo. Hoxe mesmo, acompañados polo alcalde, Evencio Ferrero, representantes da asociación mantiveron unha xuntanza coa subdelegada do Goberno, Pilar López-Rioboo, e o tenente coronel da Comandancia da Garda Civil de Coruña, Jorge Bodelón, para abordar unha posible actuación nese sentido.

Por parte do empresariado presentouse unha proposta para instalar nas vías de acceso barreiras que faciliten o control nocturno do polígono, que permanecería pechado ao tráfico de 23.00 a 06.00 horas.

Analizadas as implicacións á seguridade viaria, desde a Subdelegación do Goberno trasladouse aos representantes industriais e ao alcalde a boa disposición a que se implante esta medida, xa que os accesos ao polígono non interfiren con ningunha vía de titularidade estatal e a situación xeográfica do mesmo favorece a súa implantación. Doutra banda, trasladóuselles que a Garda Civil continuará coa realización das habituais roldas nocturnas, á marxe de que o peche nocturno se materialice finalmente.

Antecedente

O sistema de control con barreira está instalado xa na rúa Cobre grazas ao importante investimento realizado nos últimos dous anos pola Deputación Provincial da Coruña e o Concello de Carballo. Os convenios asinados entre ámbalas dúas institucións, por un importen próximo aos 300.000 euros, permitiron, por unha banda, crear 78 novas prazas de aparcamento, mellorar a zona verde e acondicionar a capa de rodadura nun total de 3,62 quilómetros de vías, ademais de instalar a barreira da rúa Cobre, dando así resposta ás principais demandas do colectivo empresarial.

Este ano tamén se acometeu, dentro das melloras urxentes nas redes de abastecemento e saneamento financiadas con cargo ao canon da auga, a substitución das canalizacións nun treito de 330 metros a partir do depósito elevado do polígono, minimizando deste xeito o risco de avaría.

Compartir: