Inicio Carballo ao día Novas O alumnado do obradoiro de emprego entra en...

O alumnado do obradoiro de emprego entra en contacto co mundo laboral na Feira do Emprego da Coruña

A semana que vén empezarán a traballar do taller e continuarán coa formación complementaria, que inclúe un módulo de sensibilización medioambiental

Mércores 10 de outubro do 2018

O alumnado do obradoiro de emprego de garantía social que está a formarse na especialidade de carpintería de madeira visitou a Feira do Emprego organizada pola Cámara de Comercio na Coruña. Acompañados pola directora, Estrella Mar Señarís Castro, e a profesora María Pilar Castro Caamaño, os 11 mozos e 1 moza que participan no proxecto formativo tiveron a ocasión de achegarse a varios stands relacionados coa especialidade que están a cursar e de realizar os primeiros contactos de cara á súa futura inserción laboral.

Os participantes destacaron a posibilidade de poñerse en contacto de grandes firmas coma Leroy Merlín e outras empresas punteiras no seu ámbito como Alumán. Pero boa parte da xornada pasárona entre charlas, conferencias e obradoiros que, sen dúbida, resultaranlles proveitosas de cara ao seu futuro coma demandantes de emprego.

O cometido do alumnado do obradoiro é fabricar o mobiliario urbano para completar o proxecto de reurbanización da contorna do Fórum Carballo, en concreto bancos, pérgolas e xardineiras para as rúas Xílgaro e Luís Braille

O alumnado do obradoiro de emprego está empezando a súa formación en diversos aspectos, incluído un módulo de sensibilización ambiental que inclúe accións coma unha saída á natureza dirixida pola asociación Senda Nova, prevista para a semana que vén. Ao mesmo tempo xa empezarán a traballar no taller. O seu cometido é fabricar o mobiliario urbano para completar o proxecto de reurbanización da contorna do Fórum Carballo, en concreto bancos, pérgolas e xardineiras para as rúas Xílgaro e Luís Braille.

O obradoiro, financiado pola Xunta de Galicia, inclúe un contrato de aprendizaxe durante seis meses, polo que os/as participantes percibirán un salario. Ademais, ao remate recibirán un certificado de profesionalidade con validez en todo o Estado.

Compartir: