Inicio Carballo ao día Novas O FIOT ofrece este ano 41 espectáculos...

PARTICIPARÁN COMPAÑÍAS DE ARXENTINA, CASTELA-LEÓN, CATALUÑA, GALICIA, GUINEA ECUATORIAL, MADRID, PAÍS VASCO, SUÍZA E VALENCIA

O FIOT ofrece este ano 41 espectáculos teatrais que inclúen 12 estreas galegas e 3 absolutas

O 13 de outubro teremos no Pazo da Cultura a Lolita Flores, que interpreta o papel protagonista de "Fedra"

Xoves 13 de setembro do 2018 Cultura

A presentación tivo lugar sobre o escenario do auditorio

A presentación tivo lugar sobre o escenario do auditorio

A Asociación Cultural Telón e Aparte e o Concello de Carballo presentaron o programa oficial e a imaxe da XXVII edición do Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT), que se desenvolverá entre o 28 de setembro e o 31 de outubro. O programa inclúe 41 espectáculos, dos que 12 son estreas en Galicia e 3 son estreas absolutas. O festival acollerá compañías das comunidades autónomas de Galicia, Castela-León, Cataluña, Madrid, País Vasco e Valencia, e tamén compañías estranxeiras, de Arxentina, Guinea Ecuatorial e Suíza.

Este ano o festival xira entorno a tres eixos principais: a igualdade, o ocio e a incorpación dos xóvenes ao mundo do teatro. Nesta edición os organizadores teñen posta a mirada en atraer á mocidade que naceu co cambio de século e que agora está a acadar a maioría de idade. Con esa finalidade programáronse espectáculos sobre a mocidade actual, os chamados "millennials" ou xeración Z.

TEATRO DE SALA NO AUDITORIO DO PAZO DA CULTURA

  • Na estrea da programación de sala, o 7 de outubro, representarase a obra Future Lovers, da compañía madrileña La Tristura,  considerada como unha das máis interesantes do teatro contemporáneo español.
  • A seguinte cita de sala será o día 11 de outuro con Crimen y Telón, dos madrileños Ron Lalá, peza e homenaxe ao teatro universal. A compañía recibiu no ano 2016 o Premio do Público do FIOT coa obra Cervantina.
  • A terceira representación será Playoff por La Joven Compañía, un traballo escénico que foi recoñocido co premio El Ojo Crítico de Teatro de Radio Nacional de España.
  • O 13 de outubro chegará a Carballo a obra Fedra, de Pentación Espectáculos, que vén avalada polas boas críticas e que ten no seu papel protagonista a Lolita Flores.
  • Dentro da programación de sala tamén se inclúe PSS PSS da suíza Compagnia Baccalá; Iphigenia en Vallecas, de Serana Producciones; Commedia, de Contraproduccións; El Tratamiento, de La Abucción e Buxman Producciones; Un enemigo del pueblo, de El Pavón Teatro Kamikaze; y La Valentía, da compañía Lazona.

No programa da XXVII edición do FIOT contamos con moitos dos imprescindibles da escena actual galega e do resto de España, ofertas que achegan novas perspectivas, que arriscan e que son orixinais nas suas creacions. A estrea do festival protagonizarana La Trócola Circ, de Valencia, con Emportats, que forma parte das ofertas programadas dentro das actividades do Teatro na Rúa. Entre as ofertas galegas cómpre subliñar a presenza do director Tito Asorey, un dos directores máis destacadops da comunidade, que porá en escea a obra Somos criminais, interpretada por Carlos Blanco e Xosé A. Touriñán,

IX OTNI

O OTNI é o espazo de representación alternativo do FIOT, o máis vivo e creativo porque a súa razón é a innovación. Este ano no OTNI os espectadores poderán ver La tristeza de los ogros, Salvador e Wasted.

XX RÚA DOS CONTOS

Nesta edición a Rúa dos Contos terá aires internacionais coa presenza de compañías de Guinea e Arxentina. Tamén estarán algúns dos clásicos e os chamados emerxentes. Haberá estreas e algunha existosa reposición. Os espectadores poderán disfrutar con Avelino González, Marcos Pereiro, Peter Punk, Manoliño Nguema, Víctor Grande, Lupe Blanco e Bieito Lobariñas, Lois Pérez, Cándido Pazó, Las Antonias, Chanson Mormón, Isabel Risco, Pedro Brandariz e Fran.

O fin de festa da Rúa dos Contos será repsonsabilidade de Monoulious Dop, unha das formacións musicais máis alternativas do rock actual.

TEATRO NA RÚA

Un ano máis o teatro estará presente na rúa con espectáculos para todos os públicos. Inaugurarán os valencianos de La Trócola Circ con Emportats, e haberá representacións das compañías Cair Circo, Maintomano e Antón Coucheiro.

II CERTAME DE MICROTEATRO METRO CADRADO

O FIOT acolle por segundo ano o certame Metro Cadrado. Unha nova forma de disfrutar do teatro sen barreiras, con intensidade, pois o público pode mirar aos ollos ás persoas que dan vida a ficción. Este ano o certame dará comezo o sábado 13 de outubro coas obras Mi bici e Pan, de M+1 (Teatro Circo Danza) e Helena Salgueiro, dúas estreas absolutas. Tamén haberá actuacions de Faunos, Diego M. Buceta, Tukumpás Teatro e Moito Morro Teatro.

EN PARALELO

A 27ª edición do FIOT complétase co FIOTIÑO, programación especial para nenos e nenas con Noite branca no teatro e máis o XVIII Concurso Escolar de teatro lido Xosé Manuel Eirís.

Tamén haberá unha programación especial para os adolescentes, que é unha das novidades desde ano. As poetas Lucía Aldao e María Lado representarán o seu espectáculo Movidas de Poesía nos institutos de Carballo. Unha representación que mestura poesía, música e humor. Compre destacar tamén os espazos para exposicións e gastronomía, e máis o obradoiro e a escola do espectador, onde se celebrarán encontros entre o público e membros dos grupos teatrais.

VENDA DE ENTRADAS

As entradas poden mercarse vía internet a través da plataforma www.ticketea.com, na web oficial do festival www.fiot.gal e na súa páxina de Facebook. Tamén poderán adquirirse de forma anticipada no teléfono 902 044 226 e na billeteira do Pazo da Cultura o día da función.

Compartir: