Inicio Carballo ao día Novas A “Declaración de Carballo” compromete aos...

A “Declaración de Carballo” compromete aos concellos de Bergantiños co uso do galego nos eidos administrativo e xurídico

O edificio dos xulgados foi escenario hoxe dun acto de recoñecemento a Carmen Pose Amado por ditar as primeiras sentenzas en galego neste partido xudicial

Xoves 12 de xullo do 2018

Autoridades participantes no acto celebrado hoxe

Autoridades participantes no acto celebrado hoxe

Os alcaldes dos sete concellos da comarca de Bergantiños quedaron comprometidos hoxe a “liderar o proceso de normalización lingüística no ámbito local e nos eidos das actividades administrativas e das profesións xurídicas”, e con esa finalidade solicitarán aos profesionais da xustiza que representen aos seus concellos que utilicen o galego, elaborarán neste idioma os documentos dirixidos a notarías e rexistros e fomentarán o seu uso como lingua habitual de traballo das policías locais.

Esas tres medidas están recollidas na Declaración de Carballo, un documento asinado hoxe pola mañá polos alcaldes e por representantes da Secretaría Xeral de Política Lingüística e da Irmandade Xurídica Galega tras a celebración dun acto de recoñecemento á maxistrada Carmen Pose Amado, natural de Valenza (Coristanco), por ter ditado as primeiras sentenzas en galego no noso partido xudicial. Algúns dos rexedores non puideron estar presentes, pero teñen expresado tamén o seu compromiso e materializarano coa sinatura da declaración nos vindeiros días.

Acto de sinatura da Declaración de Carballo

Acto de sinatura da Declaración de Carballo

O obxectivo, como tamén se reflicte na propia Declaración de Carballo, é que o galego vaia conquistando cada vez máis espazos. A Irmandade Xurídica Galega, organizadora do acto de hoxe, leva dez anos traballando, precisamente, para fomentar o uso do galego nos ámbitos xurídico e administrativo. “Afortunadamente –sinalou o seu presidente, Xoaquín Monteagudo- hai un grupo de xuíces, avogados, xuristas... que asumen esta tarefa ilusionante de normalizar o uso da lingua galega na xustiza e nos procesos. Entre eles encóntrase Carmen Pose, que estivo aquí en Carballo e que ao longo da súa vida profesional foi unha defensora que puxo a súa ilusión e o seu traballo, porque non é unha tarefa doada, para defender o uso da lingua galega”.

Carmen Pose Amado: “A normalización empeza por unha opción individual. Se se quere fálase e escríbese galego en calquera ámbito profesional”

A homenaxeada recoñeceu que “non son moi bos tempos para o galego nestes ámbitos. A proba –engadiu- é que estamos aquí, no ano 2018, celebrando un acto para seguir divulgando o galego no ámbito xudicial e xurídico”. Precisamente cando se cumpren 35 anos da promulgación da Lei de Normalización Lingüística, “o emprego da lingua galega no mundo xudicial segue sendo moi baixo”, asegurou. Na súa opinión hai varios factores que inflúen, pero Carmen Pose destacou dous principalmente. Por unha banda, a decisión persoal de usar o galego. “A normalización empeza por unha opción individual. Se se quere –dixo- fálase e escríbese galego en calquera ámbito profesional”. Por outra, a posibilidade de dispoñer de ferramentas informáticas que o fagan posible, xa que, segundo explicou, o sistema actual funciona “íntegra e exclusivamente en castelán”, o cal complica un dereito tan básico coma o de poder utilizar o galego no traballo, no caso dos profesionais, ou de que a cidadanía poidan solicitar que os seus expedientes se tramiten nesta lingua.

Descuberta da placa

Descuberta da placa

A subdirectora xeral de Planificación e Dinamización Lingüística, Elvira Casal, animou aos profesionais da xustiza e aos concellos a seguir nese camiño. “É un traballo de todos facer que sexa normal o que non debe ser excepcional”, manifestou.

O alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, que pechou as intervencións, lembrou ao maxistrado Gonzalo de Huerga, que traballou neste partido xudicial nos anos 70 e que ditou a primeira sentenza en galego na comunidade autónoma, e instou ás persoas presentes a recuperar “o espírito dos poderosos” para poñer en valor o noso idioma. “Que todos sexamos conscientes –dixo- de que o idioma que nos é propio, o idioma que nos fai estar no mundo, é necesario”.

O acto continuou coa descuberta dunha placa que lembra aquela primeira sentenza de Carmen Pose ao pouco de empezar a funcionar o xulgado número 3, e coa sinatura da Declaración de Carballo por parte dos alcaldes presentes. Ademais de Evencio Ferrero asistiron José Manuel López Varela, da Laracha; Abraham Gerpe, de Coristanco, e José Manuel Mouzo, de Laxe. Tamén participaron varios membros do goberno municipal de Carballo e profesionais da xustiza.

Descargas

Compartir: