Inicio Carballo ao día Novas Asinado o contrato para a posta en marcha da...

O PRESTIXIOSO COCIÑEIRO FERNANDO AGRASAR SERÁ O DIRECTOR

Asinado o contrato para a posta en marcha da primeira Escola de Hostalaría municipal de Galicia

A apertura do prazo de inscrición provocou ao longo da mañá de hoxe numerosas solicitudes de información nas oficinas municipais do Fórum Carballo

Luns 9 de xullo do 2018

Despois da sinatura do contrato celebrouse unha primeira xuntanza de traballo

Despois da sinatura do contrato celebrouse unha primeira xuntanza de traballo

As numerosas solicitudes de información que se recibiron ao longo da mañá nas oficinas municipais do Fórum demostran o enorme interese provocado pola posta en marcha da Escola de Hostalaría de Carballo, a primeira de Galicia sostida integramente con fondos municipais, cun programa formativo propio e cunha cociña única. “As instalacións que hai no Fórum hainas en poucas escolas, por non dicir en ningunha”, aseguraba o prestixioso cociñeiro Fernando Agrasar, que será o director e un dos docentes da escola, durante a sinatura do contrato, celebrada hoxe. Ademais do alcalde, Evencio Ferrero, tamén asistiu ao acto o concelleiro de Promoción Económica, Xosé Regueira. Posteriormente celebrouse unha primeira xuntanza de traballo á que se sumou o centro de formación, Juan Lorenzo.

A empresa Garfio de Barizo S. L., representada por Fernando Agrasar, será a responsable da formación do alumnado durante os próximos dous anos, con posibilidade dun terceiro de prórroga. Co apoio docente de José Manuel Martínez, entre outros profesionais de prestixio que acudirán ao Fórum Carballo para masterclasses ou materias específicas, o seu obxectivo é ofrecer unha formación moi práctica, baseada nas demandas do mercado laboral e con capacidade de resposta ás necesidades do sector hostaleiro. “A xente vai saír –dixo- sabendo cociñar”. Algo que parece obvio pero que, pola súa experiencia, poucas veces ocorre.

Evencio Ferrero, pola súa banda, reiterou a aposta do goberno municipal por unha formación de calidade e que realmente sirva para facilitar a inserción laboral dos/as participantes. Con esa intención, o Concello de Carballo vai destinar nos vindeiros dous anos preto de 200.000 euros á formación de 30 persoas, 15 por curso, cuns parámetros de calidade moi altos.

Aberto o prazo de inscrición

As persoas que queiran formar parte da primeira promoción de cociñeiros/as formados no Fórum Carballo poden realizar xa a súa inscrición para participar no proceso de selección dos/as 15 alumnos/as. O prazo está aberto ata o 31 deste mes a través do Rexistro Municipal, os rexistros auxiliares ou o telemático. Para formarse na Escola de Hostalaría de Carballo só é preciso ter 18 anos cumpridos e posuír unha titulación mínima de graduado en ESO ou equivalente, ou ter 3 anos de vinculación laboral demostrable no sector da hostalaría. A acción formativa terá unha duración total de 1.135 horas, previsiblemente comezará en setembro e desenvolverase nas instalacións do Fórum Carballo en horario de 08.30 a 14.00, de luns a venres. Dentro desa formación inclúense 320 horas de prácticas en empresas, que se realizarán nos meses de xullo e agosto.

Descargas

Compartir: