Inicio Carballo ao día Novas Arranca un novo proceso de selección de...

O PRAZO DE INSCRICIÓN ESTARÁ ABERTO DO 9 AO 31 DE XULLO

Arranca un novo proceso de selección de alumnado para a Escola de Hostalaría, que abrirá as súas portas en setembro

O luns realizarase a sinatura do contrato entre o Concello de Carballo e a empresa Garfio de Barizo S. L., que xestionará o centro durante un máximo de 3 anos

Sábado 7 de xullo do 2018

Di o refrán que á terceira vai a vencida, e no caso da Escola de Hostalaría de Carballo semella que é verdade. Foron precisos tres procesos para que por fin poidamos poñer en marcha un centro pioneiro en Galicia, que ten como reto preparar ás primeiras promocións de profesionais da cociña formados cun programa propio e específico, adaptado ás necesidades laborais do sector e financiado exclusivamente con fondos municipais.

O luns realizarase a sinatura do contrato entre o Concello de Carballo e a empresa Garfio de Barizo S. L, representada polo prestixioso cociñeiro Fernando Agrasar, que será o responsable da xestión da Escola de Hostalaría durante dous anos, con posibilidade de prórroga por un máis. No período 2018-2020 investiremos preto de 200.000 euros para formar a 30 persoas, 15 por curso, cun proxecto formativo baseado na calidade.

Coincidindo coa sinatura do contrato, este luns tamén se abrirá o prazo de inscrición. As persoas interesadas poderán presentar ata o día 31 deste mes -a través do Rexistro Municipal, os rexistros auxiliares ou o telemático- a folla de solicitude, que estará dispoñible nas oficinas municipais do segundo andar do Fórum e tamén na páxina web do Concello de Carballo. Ademais da ficha poderán descargarse as bases completas do proceso de selección de alumnado.

Aprobados/as no proceso anterior

As 36 persoas que se presentaron ao proceso selectivo anterior e que aprobaron o primeiro e único exame celebrado teñen a oportunidade de continuar o proceso, polo que unicamente terían que realizar a entrevista e a proba práctica. Pero tanto se deciden continuar coma se non deberán comunicalo oficialmente, no caso de continuar presentando a solicitude de inscrición, e no de renunciar, cubrindo o formulario específico para este suposto. A todos/as eles/as envióuselles un sms con información ao respecto e coa maioría tamén se contactou telefonicamente.

Para formarse na Escola de Hostalaría de Carballo só é preciso ter 18 anos cumpridos e posuír unha titulación mínima de graduado en ESO ou equivalente, ou ter 3 anos de vinculación laboral demostrable no sector da hostalaría. A acción formativa terá unha duración total de 1.135 horas, previsiblemente comezará en setembro e desenvolverase nas instalacións do Fórum Carballo en horario de 08.30 a 14.00, de luns a venres. Dentro desa formación inclúense 320 horas de prácticas en empresas, que se realizarán nos meses de xullo e agosto.

Proceso de selección

Dado que as prazas son limitadas, a selección realizarase do seguinte xeito: haberá tres probas eliminatorias, nas que será preciso acadar unha puntuación mínima de 5, e a súa porcentaxe sobre a nota final será do 20, o 30 e o 50%, respectivamente.  Á proba final só accederán as 30 persoas con maior puntuación nos dous primeiros exames.

A primeira proba será teórica e escrita, e terá como obxecto avaliar os coñecementos, aptitudes e habilidades dos/as aspirantes neste ámbito profesional. Os/as candidatos/as deberán responder a 40 preguntas tipo test, con catro respostas das que só unha será válida, nun tempo máximo de 60 minutos. Cada pregunta correcta terá un valor de 0.25, e será imprescindible acadar un 5 para pasar á segunda proba, que consistirá nunha entrevista curricular e por competencias que permitirá valorar a actitude, motivación e interese pola acción formativa dos/as aspirantes, a súa traxectoria laboral no sector e a súa idoneidade para o posto. Tamén se terá en conta a dispoñibilidade horaria e xeográfica. Nesta fase poderase aportar toda a documentación curricular que se considere precisa.

Os/as 30 candidatos/as con mellores notas pasarán ao terceiro exame, de carácter práctico, que consistirá nunha proba de cociñado na que, nun tempo máximo de 90 minutos, deberán elaborar un prato partindo dun ingrediente común. O tribunal valorará o sabor, a presentación, a creatividade e a limpeza. Para optar a unha das 15 prazas será preciso acadar un mínimo de 5 puntos sobre 10.

Descargas

Compartir: