Inicio Carballo ao día Novas O Concello de Carballo conseguiu en só...

O Concello de Carballo conseguiu en só catro anos estender a todo o territorio municipal a experiencia da compostaxe

Coas últimas 25 incorporacións xa son 174 as familias e colectividades que participan na experiencia

Martes 12 de xuño do 2018

Porque cremos que é posible unha xestión máis eficiente dos residuos, desde as concellerías de Obras e Servizos, por unha banda, e Medio Ambiente, por outra, estamos a traballar para seguir sendo un concello comprometido e pioneiro na xestión dos residuos sólidos urbanos. Carballo é un concello de referencia en compostaxe, e conseguímolo grazas á implicación da veciñanza.

Coas últimas 25 incorporacións, que veñen de materializarse, xa son 174 familias e colectividades de todo o concello as que están a participar no programa de compostaxe doméstica, colaborando deste xeito na eliminación da fracción húmida dos residuos sólidos, que é a máis pesada e a que supón maior custe de tratamento. Grazas á colaboración veciñal conseguimos eliminar máis de 100 toneladas ao ano dos colectores verdes, cifra que agardamos incrementar ao longo deste ano.

Nestes momentos a compostaxe doméstica está implantada en 17 das 18 parroquias do noso concello. E aínda que as vivendas unifamiliares son maioritarias, na relación tamén figuran colexios e entidades coma a Asociación Pro Enfermos Mentais (APEM) ou a Asociación Ambiental Senda Nova, que é unha das novas usuarias. A iniciativa está estendida tamén polo casco urbano, tanto con usuarios/as individuais coma a través de comunidades de propietarios/as.

En só catro anos conseguimos chegar á práctica totalidade do territorio. E nesa liña queremos seguir. Por iso, intentaremos dar resposta ás solicitudes que non puideron ser atendidas nesta última convocatoria, para a que tiñamos dispoñibles 25 composteiros que foron adxudicados por orde de solicitude. As persoas que queiran colaborar na consecución dun Carballo máis sostible só teñen que descargar o impreso de solicitude da web de Carballo Limpo e presentalo no rexistro municipal para formar parte dunha lista de agarda para posteriores accións.

Vídeos

Compartir: