Inicio Carballo ao día Novas Clausurado o programa de exercicio físico...

A ACTIVIDADE REANUDARASE EN OUTUBRO

Clausurado o programa de exercicio físico para maiores, no que participaron un total de 556 persoas de máis de 60 anos

O alcalde e a concelleira de Terceira Idade asistiron á exhibición conxunta que tivo lugar no pavillón do complexo deportivo Carballo Calero

Luns 11 de xuño do 2018

A ritmo de Madre Tierra, a popular canción de Chayanne, despediron o curso as alumnas e os alumnos do programa de exercicio físico para maiores que promove o Concello de Carballo a través das concellarías de Deporte e Terceira Idade. As 556 persoas maiores de 60 anos que participaron este curso na actividade tiñan moi ben ensaiada a coreografía, e fixérono tan ben que, a petición do público, tiveron que interpretala dúas veces. O alcalde, Evencio Ferrero, e a concelleira de Terceira Idade, Carmen Regueira, que nunca fallan á cita, tampouco quixeron perderse este ano a exhibición.

O programa de exercicio físico pretende fomentar estilos de vida activos e saudables, mellorar a calidade de vida da poboación maior a través da actividade física e da inserción social, ademais de influír positivamente no proceso de envellecemento axudando ás persoas participantes a manter un nivel suficiente de capacidade funcional, a reducir o risco de padecer doenzas cardiovasculares e osteoarticulares e a mellorar a súa seguridade. Na última Xunta de Goberno Local aprobouse xa o programa para o curso 2018-19, que se desenvolverá a partir de outubro. En breve informaremos sobre os prazos de inscrición.

A actividade ten moita demanda en todo o concello. De feito, dos/as 556 participantes, 306 asisten ás dúas sesións semanais de actividade no polideportivo Vila de Noia e os outros 251 repártense en 12 grupos en diferentes parroquias.

Compartir: